A ONCE premia á Policía Nacional pola evacuación de Chandebrito durante os incendios

O Xurado dos Premios Solidarios ONCE Galicia 2017 acaba de emitir o seu fallo, outorgando os galardóns ao Instituto de Investigacións Sanitarias -IDIS- de Santiago de Compostela polo seu Proxecto de Biopsia Líquida, á curtametraxe “SIn mis manos”, de Ainé Producciones, á activista coruñesa Laura Lizancos Mora, ao RC Deportivo da Coruña e RC Celta de Vigo e á Policía Nacional pola súa intervención nos incendios ocorridos no Sur de Galicia, con actuacións extremas como a de Chandebrito-Nigrán. A Gala de entrega dos galardóns celebrarase o próximo 28 de novembro no Teatro Colón da Coruña.

Os Premios Solidarios ONCE-Galicia concédense a empresas, organizacións, medios de comunicación, persoas físicas e estamentos da administración pública aos que se recoñece a súa contribución solidaria á defensa e apoio da integración das persoas con discapacidade e doutros colectivos en risco de exclusión.

O galardón correspondente á categoría de Estamento da Administración Pública outórgase á Policía Nacional pola súa participación na extinción de incendios no Sur de Galicia, concretamente en Chandebrito (Nigrán), onde o pasado 15 de outubro un grupo de policías nacionais fóra de servizo acudiron como voluntarios á chamada da Garda Civil para auxiliar a esa parroquia ante a cantidade de incendios incontrolados na zona e por resultar insuficientes os efectivos dispoñibles tanto de bombeiros como de Garda Civil. Entre estes policías voluntarios estaban os 10 policías de Vigo que se viron rodeados polas chamas e sen saída durante máis de catro horas, despois de lograr evacuar a case 500 veciños en dúas horas, evitándolles unha morte case segura.

O Xurado dos Premios Solidarios ONCE-Galicia estivo presidido por Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial de ONCE-Galicia, e formaron parte do mesmo Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE; Eugenio Prieto, conselleiro xeral da ONCE; Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia; Elías Palacio, vicepresidente do CERMI-Galicia, e os xornalistas Tania Fernández Lombao, Consuelo Bautista, Eva Iglesias, Lara Vivero e Rafael Cid.