A Liga de Outono AXA J80 encara a súa recta final este domingo en Baiona

FOTO: ROSANA CALVO // Okofen e Cansino van na cabeza da Liga de Outono AXA J80.

A Liga de Outono AXA organizada polo Monte Real Club de Yates para os monotipos J80 encara a súa recta final este domingo en Baiona coa celebración da penúltima xornada de probas. Tras a anterior etapa, disputada o pasado mes de outubro, os “xotas” volven á competición mañá domingo a partir do mediodía para empezar a deseñar o que será o podio definitivo da liga estacional patrocinada por AXA Seguros.

As augas da baía repiten como o escenario elixido polo comité de regata para a localización dos percorridos que se disputarán os trece monotipos que pelexan polo triunfo. Os competidores sairán ao campo nun día no que a meteo, en principio, parece favorable, con pouca nube, temperaturas frescas e un vento do nornoroeste que se moverá entre os 5 e os 7 nós, suficientes para dar xogo a este tipo de veleiros.

A espera do que pase nas dúas últimas xornadas de competición, o ouro provisional do campionato osténtao o Okofen de Javier de la Gándara, seguido moi de preto polo Cansino de Fernándo Yáñez, ao que lle saca unicamente dous puntos. En terceira e cuarta posición sitúanse o Ferralemes de Enrique Porto e o Namasté de Luis de Mira, algo afastados dos postos de cabeza, pero moi xuntos entre si.

Completan a clasificación o Meltemi de Guillermo Blanco, do Real Club Náutico da Coruña; o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, o Mondo de Bernardo Macedo, o Marías – Casas do Telhado de Manuel María Cunha, o Pazo de Cea de María Campos; a Galera de Diego Carral, o Cormorán II de Yago González, a SND Cormorán de Francisco J. Martínez e o Miúdo by Storax de Afonso Leite.