Anuncios
Ticker de novas

O Goberno declara a Galicia zona afectada gravemente por unha emerxencia

O Consello de Ministros aprobou un Acordo polo que se declaran as Comunidades Autónomas de Galicia e do Principado de Asturias “zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil”, como consecuencia dos incendios forestais acaecidos no mes de outubro de 2017.

Galicia e Asturias víronse afectadas por un gran número de incendios forestais, que provocaron unha situación extremadamente complicada debido á concorrencia de distintos factores tales como a seca persistente, os fortes ventos, unhas temperaturas moi elevadas e unha humidade moi baixa.

Nas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo, así como no Principado de Asturias, os incendios foron de grandes dimensións, que deron lugar a que os días 15 e 16 de outubro a Xunta de Galicia decretase numerosas “situacións 1 e 2” por incendios forestais; isto é, unha emerxencia provocada por un ou varios incendios forestais que, na súa evolución previsible, puidesen afectar gravemente á poboación e aos bens de natureza non forestal, e que esixe a adopción inmediata de medidas de protección e socorro.

Medidas de competencia do Ministerio das Interior

• Axudas por danos persoais.

• Axudas a particulares por danos en vivenda habitual e aveños de primeira necesidade.

• Axudas aos titulares de establecementos industriais, mercantís e de servizos, incluídos os agrarios, marítimo-pesqueiros e turísticos.

(Nestes tres tipos de axudas aplicaranse as establecidas nun Real Decreto do 18 de marzo de 2005).

• Axudas a persoas físicas ou xurídicas que levasen a cabo prestacións persoais ou de bens.

• Compensación a Corporacións Locais por gastos derivados de actuacións inaprazables.

• Taxas da Xefatura Central de Tráfico: Prevese a posibilidade de que se aprobe unha exención das taxas aplicables á tramitación de baixas de vehículos e de expedición de duplicados dos permisos de condución ou circulación, cando se soliciten como consecuencia destes incendios.

Para a coordinación e seguimento das medidas adoptadas neste Acordo, constituirase unha comisión de coordinación integrada por representantes das Administracións Públicas afectadas.

Medidas competencia doutros ministerios

• Infraestruturas locais (Ministerio da Presidencia e para as Administracións Territoriais). Subvencións por danos en infraestruturas municipais e na rede viaria provincial.

• Beneficios fiscais (Ministerio de Facenda e Función Pública). Polo titular deste Ministerio poderanse concretar, no seu caso, a exención na cota do Imposto sobre Bens Inmobles do exercicio 2017 e a redución na cota do Imposto sobre Actividades Económicas.

Actuacións de restauración forestal e ambiental na Rede Nacional de Camiños Naturais e actuacións de reparación no dominio público hidráulico (Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente). Facúltase á ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para declarar zona de actuación especial para a restauración forestal e ambiental, do dominio público hidráulico, ou da Rede Nacional de Camiños Naturais das zonas afectadas, e para declarar a emerxencia das obras para executar coa devandita finalidade.

• Medidas laborais e de Seguridade Social (Ministerio de Emprego e Seguridade Social). Por orde da ministra de Emprego e Seguridade Social desenvolveranse as medidas laborais e de Seguridade Social: exencións ou moratorias no pago das cotas da Seguridade Social, consideración de causa maior os despedimentos ou reducións de xornada, etcétera.

Financiamento

Dada a proximidade dos sinistros, aínda non se puideron cuantificar de maneira definitiva os danos producidos. Con todo, da información fornecida polas Delegacións do Goberno en ambas as dúas Comunidades Autónomas, pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, e polos Departamentos afectados, os danos, de momento, ascenden a uns 13,1 millóns de euros -trátase, por tanto, dunha estimación provisional-, coa seguinte distribución:

• En canto ás axudas que corresponden ao Ministerio do Interior, estimouse que as mesmas poden ascender a 1.807.280 euros para os damnificados en Galicia; en Asturias aínda non se dispón de datos oficiais.

• Respecto dos custos para os restantes Departamentos, poden resumirse en:

No ámbito do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, os custos ascenderían a 7,5 millóns de euros, que se distribúen no investimento necesario para a restauración forestal e ambiental (cinco millóns de euros); a reparación dos danos na Rede Nacional de Camiños Naturais, que se orzou nuns 700.000 euros; e a reparación dos danos producidos nas concas do Miño-Sil, Cantábrico e Douro, estimada nuns dous millóns de euros.

En canto ao Ministerio de Fomento, os danos en infraestruturas ferroviarias e en estradas ascenden a 3,8 millóns de euros.

En principio, o Acordo prevé que o financiamento destas medidas realizarase con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias de cada Departamento ministerial.

Anuncios