A Policía Local galega comeza a formarse en prevención e reacción ante o terrorismo xihadista

FOTO: XUNTA DE GALICIA // O vicepresidente da Xunta, o delegado do Goberno, o xeneral xefe da Garda Civil, e o Xefe Superior da Policía Nacional asistiron hoxe a estas actividades.

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) acolle por primeira vez as xornadas sobre acción, prevención e reacción ante o terrorismo xihadista destinadas á Policía Local. Prolongaranse durante 10 edicións para poder chegar a todos os concellos galegos que contan con este corpo de seguridade.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, desprazouse esta mañá ata A Estrada para asistir ás actividades desta primeira xornada, na que están a participar ao redor de 20 policías locais das sete grandes cidades galegas. Tamén acudiron o xeneral xefe da Garda Civil, Ángel Alonso, e o Xefe Superior da Policía Nacional, Manuel Vázquez.

As xornadas están deseñadas como unha formación de reciclaxe, de xeito que o alumnado vai poder despois trasladar os coñecementos adquiridos aos seus compañeiros nos seus concellos de orixe. As actividades, nas súas 10 edicións, serán de carácter eminentemente práctico e estarán impartidas por especialistas da Garda Civil e da Policía Nacional.

O obxectivo principal da iniciativa é formar a un dos corpos de seguridade, a Policía Local, que está máis próximo á cidadanía e que, polo tanto, pode obter información moi valiosa sobre determinadas condutas de radicalización. Ademais, e máis alá da prevención, son un dos corpos que tamén teñen que actuar en caso de atentado.

Desta forma, a AGASP continúa o seu proceso de consolidación como gran centro de formación en seguridade de Galicia, con cada ano máis actividades abertas a máis persoal. Así, con esta actividade, engádese un apartado máis á formación e especialización dos máis de 2.000 policías locais galegos, sen esquecer que o próximo ano se centralizarán na Academia as probas de acceso a estes corpos dos concellos que así o soliciten.

Ademais da formación da Policía Local, a AGASP tamén ofrece formación a bombeiros, GES, Protección Civil, e mesmo profesionais de Portugal ou membros doutros corpos de seguridade.

2017-11-10 - 20171110AGASPXihadismo3