Nigrán retira preto de 1.500 toneladas de cascallo do vertedoiro ilegal situado xunto ao Punto Limpo

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Leira na que se atopaba o vertedoiro.

O Concello de Nigrán deu hoxe por finalizados os traballos de desentullo do vertedoiro ilegal situado nunha finca privada ao lado do Punto Limpo e empregado polo anterior goberno do PP para depositar todo tipo de residuos municipais. A empresa “Demoliciones y Excavaciones Darda S.L” traballou nos últimos dous meses na finca de 4.000 m2 que linda coa EDAR para devolvela ao seu estado orixinal por un importe total de 45.450 euros asumidos con fondos propios do Concello de Nigrán mediante unha modificación de crédito. En total retiráronse 1.500 toneladas de cascallos que foron clasificados e recibiron o seu correspondente tratamento conforme á propia lei dita.

«Dende a oposición denunciamos reiteradamente este vertedoiro por ser un desastre medioambiental e mesmo un risco para a saúde e agora como goberno o solucionamos restituíndo o terreo ao seu estado natural», expón o alcalde, Juan González.

O Concello de Nigrán tivo que abonar o pasado 27 de agosto 15.000 euros de multa que interpuxo a Consellería de Medio Ambiente a tenor do expediente iniciado en abril de 2013 polo Seprona. Así, o anterior goberno do PP fixera un requirimento contra esta resolución de sanción do 28/01/2015 que obrigaba a pagar os 15.000 euros por unha infracción tipificada como grave, desestimándose este recurso o 22 de maio de 2017 e liquidando a mesma o actual goberno.

Durante os anos de goberno do PP fóronse acumulando nesta leira depósitos de todo tipo procedentes especialmente da Concellería de Vías e Obras, pero tamén de particulares. A raíz da inauguración en 2014 do Punto Limpo (situado a escasos 100 metros) a situación empeorou porque tardou en estar operativo meses e os particulares que se achegaban ata el deixaban os aparellos no vertedoiro. Foi o Seprona quen iniciou unha denuncia en abril de 2013 e quen, no seu informe que recolle a resolución da multa, fai fincapé que dende o propio Concello «infórmasenos que estes entullos os deposita o propio Concello e que a súa procedencia son as distintas obras que este está realizando así como o desbroce e poda e limpeza dos seus parques e xardíns».