A Semana Abanca aterra en Baiona con Ibernáutica e a Lexus Breogán Cup

Presentáronse nas instalacións do Monte Real Club de Yates de Baiona os ciclos da Semana Abanca que se desenvolverán na Vila da Pinta: primeiro Ibernáutica, o congreso sobre a sustentabilidade do turismo náutico que terá lugar este xoves e venres no Parador de Turismo, e xa o sábado a Lexus Breogán Cup, regata de cruceiros polo sistema contra-reloxo, que puxo precisamente de moda en España o Monte Real a comezos da década dos noventa, e que tivo un gran impacto na vela española pola súa orixinalidade no sistema de compensación de tempos. No acto José Luis Alvarez, presidente do Club de Iates, a quen acompañou a concelleira baionesa María Jesús Martíns, así como patrocinadores destes ciclos inmersos na Semana Abanca, e que organizan o Monte Real Club de Yates e o Club Marítimo de Vigo.

Ibernáutica, que conta co apoio da Oficina de Turismo da Xunta de Galicia, así como do Concello de Baiona, Abanca, Ronáutica Marinas, Vanguard Marine, Coca Cola e Lexus, así como das Academias de Gastronomía de Galicia e dos Camiños de Santiago, o Clúster Turístico de Galicia, ANEM, a CEACNA e Paradores de Turismo entre outras institucións, está presidida por Francisco García de Bobadilla, que fora máximo responsable do Turismo en Galicia, así como presidente de Paradores, e conta co asturiano Víctor Montero, considerado un dos máis destacados especialistas en congresos náuticos a nivel nacional, como director.

O Secretario Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alberto López-Asenjo García, será quen pronuncie a primeira conferencia de Ibernáutica ás once da mañá do xoves no Parador de Turismo de Baiona. Media hora antes o propio Secretario de Estado, con outras autoridades procederán á inauguración das xornadas. As xornadas náuticas contarán con profesionais do máximo nivel de todas as materias a tratar, que se desenvolverán ao longo do xoves e o venres, que serán clausuradas polo Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao fío da unha e media da tarde do venres.

Para o sábado, haberá competición enmarcada dentro da Semana Abanca, que teoricamente era a proba de peche, pero que tras o adiamento da Copa Ibérica Ence de Remo Olímpico para o 25 de novembro en Marín, será a penúltima cita. A Lexus Breogán Cup comezará ás tres da tarde, e contará coa participación de cruceiros ORC, entre os que destaca o “Bosch Service Solutions” con Ramón Ojea á cana, un dos barcos máis poderosos do noroeste español, así cunha nutrida frota de J80 e dos Fígaro. O sistema empregado “contra-reloxo” quere dicir que a compensación de tempos darase de entrada, polo que a frota unha vez tome a saída competirá a tempo real cun premio importante en xogo, o Trofeo Vanguard Marine que será para o club gañador (equipos de dous barcos) consistentes nun xogo de balizas Vanguard en propiedade para a Escola de Vela que corresponda, e que está valorado en varios miles de euros.

Anuncios