O equipo miñorán “EPI Racing” proclámase Campión Galego de RallyMix 2017

Esteban Pérez Iglesias e Ezequiel Salgueiro Simoes no seu BMW E30 tras proclamarse en Barbadás Campións Galegos de RallyMix 2017.

O equipo “EPI Racing”, formado por Esteban Pérez Iglesias, natural de Vilaza, en Gondomar, e Ezequiel Salgueiro Simoes, de Vilariño aínda que actualmente vive en Peitieiros, proclamouse este fin de semana en Barbadás (Ourense) Campión Galego de RallyMix 2017 na Agrupación 4 (vehículos de cilindrada comprendida entre 2.000 e 3.000 centímetros cúbicos) co seu BMW E30. Venceron tamén na categoría de propulsión, alcanzado ademais a terceira praza entre os vehículos carrozados.

A principio de tempada había calendadas oito citas para a disciplina de RallyMix, pero finalmente só se disputaron catro.

A tempada empezaba en Cuntis, nunha carreira moi rifada na súa categoría con moitos pilotos novos pero competitivos. Finalmente conseguían a vitoria, polo que o comezo de ano non podía ser mellor.

Con todo, na seguinte cita, celebrada na Gudiña, xa na primeira pasada o equipo miñorán tiña problemas, pois perdían moito tempo ao picar unha roda e romper un palier. Tentando recuperar o tempo perdido, e cando tiñan aos seus rivais realmente preto, volvían ter unha nova avaría, logrando finalmente tan só un quinto posto na súa categoría.

A terceira proba tiña lugar en Piñor, tamén en Ourense, onde cultivaban a segunda vitoria do ano, tendo unha bonita e moi rifada loita con Javier Martínez Carracedo e o seu Renault 5 GT Turbo.

Para a última cita do campionato, celebrada este fin de semana en Barbadás, tamén en Ourense, ata catro equipos tiñan opcións de lograr o título de campións. Desde o principio tiveron unha moi bonita loita con Carracedo, acabando o sábado a tan só cinco décimas do piloto da Estrada despois de tres pasadas polo tramo. Xa o domingo conseguiron impoñer un alto ritmo na primeira pasada, endosándolle algo máis de seis segundos, alcanzando así o liderado que manterían xa ata o final da proba, na que se clasificaban finalmente como o terceiro carrozado, sendo a mellor posición alcanzada no que vai de ano.

O balance do ano non pode ser mellor, tres vitorias en catro carreiras, demostrando un alto ritmo en todas as citas.

Esteban Pérez xa foi Campión de Autocrós en 2014 e subcampión en 2015, o que demostra as súas grandes aptitudes ao volante, vencendo en moitas ocasións a monturas bastante superiores cun coche totalmente de serie.

“Na parte que me toca, creo que aínda non o asimilei. Levaba un mes con esta carreira na cabeza, e xa pasou. Un non é campión galego todos os días, pero en verdade, agora na cabeza está tentar alcanzar metas maiores”, comenta o copiloto do “EPI Racing”, Ezequiel Salgueiro.

Finalizada a tempada de RallyMix en Galicia agora toca traballar na próxima.

Anuncios