O IEM organiza a XII Xeira Alén Miñor a Compostela

FOTO: TURISMO DE SANTIAGO // Mosteiro de San Martiño Pinario.

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza os días 2 e 3 de decembro a XII Xeira Alén Miñor a Compostela, coa guía da Historiadora Encarna Otero e a colaboración de Manuel Vilar, do Museo do Pobo Galego, e Xosé Ramón Lema, da USC.

A saída en autocar será o 2 de decembro ás 8:00 horas desde a explanada do Pavillón de Deportes de Gondomar, con regreso previsto ao mesmo punto o domingo ás 20:00 horas.

O prezo é de 120 euros para os socios e de 130 para os non socios. O plus por habitación individual é de 26 euros. Para anotarse á Xeira hai que chamar ao IEM ao teléfono 986 360 575, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal. O número de conta para facer o ingreso é o ES95 2080 5035 0730 4001 4164.

O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, aloxamento, almorzo do domingo, xantar do sábado e do domingo, as visitas ós museos e guías.

Xurdida como «Locus Sancti Iacobi», iluminada polo culto ao sepulcro do Apóstolo Santiago, Compostela actuou sempre como punto de atracción, nun primeiro momento para as instancias relixiosas, da man da monarquía astur, e máis tarde para as civís. Lugar de peregrinaxe, lugar de destino, cidade que aglutina en torno á figura do Apóstolo un mundo complexo e rico.

Existen moitas formas de visitar unha cidade como Compostela, unha cidade con séculos de historia que agocha innumerables alternativas arquitectónicas de diferentes períodos e espazos de innegable interese e valor social.

Hai unha Compostela monumental e relixiosa do perímetro murado, unha Compostela monumental civil ou unha Compostela contemporánea. Ademais existen prazas públicas e zonas verdes con moita singularidade e historia.

Nesta Xeira do IEM visitarase o Mosteiro de San Martiño Pinario, o Hospital Real, a Igrexa de San Frutuoso, a Igrexa das Ánimas, a Praza de Abastos, o Centro Galego de Arte Contemporáneo ou o Museo do Pobo Galego.