Gondomar asinará convenios con entidades sociais, culturais e deportivas por valor de 50.000 €

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Presidentes de entidades deportivas na firma dos convenios o pasado ano.

O Concello de Gondomar asinará esta semana os convenios anuais con asociacións culturais, deportivas e coas ANPAS dos colexios públicos a través dos cales percibirán unha achega económica destinada á organización de diversas accións e actividades. Para formalizar a entrega destas subvencións nominativas, o alcalde Paco Ferreira, e a concelleira de Cultura e Deportes, Nuria Lameiro, recibirán na Casa Consistorial aos presidentes das diferentes asociacións beneficiarias.

O importe total das subvencións nominativas deste ano, cuxos convenios se asinarán esta semana, ascende a preto de 50.000 euros, unha cantidade similar á consignada o pasado ano. Así, no ámbito cultural, a escola da Agrupación Musical de Vincios percibirá 15.000 euros, para financiar actividades realizadas pola escola, a Agrupación Xuvenil e a Banda de Música, mentres que no ámbito deportivo, destacan os 14.000 euros que se destinan ao Gondomar Club de Fútbol, 5.000 ao Gondomar Fútbol Base e 3.500 á Agrupación Deportiva de Vincios. A Sociedade Atlética Val Miñor subscribirá un convenio por 1.900 euros, o Club de Tenis Gondomar percibirá unha axuda de 1.600 e o Cereixa Fútbol Sala de 1.500. Polo que respecta ao ámbito educativo, o Concello de Gondomar distribuirá este ano 7.000 euros entre as ANPAS dos catro colexios públicos do municipio (Serra de Vincios, Xosé Neira Vilas, Souto Donas e Chano Piñeiro. “O noso compromiso é de máxima colaboración con todos os colectivos do municipio, que son os grandes promotores das actividades lúdicas, culturais e deportivas, por iso apostamos por manter esta liña de axudas ao longo de todo o mandato”, explicou a concelleira de Cultura e Deportes, Nuria Lameiro.

Por último, no ámbito de Benestar Social, o Concello de Gondomar destinará 1.000 euros ao Centro Educativo Juan María e 4.000 euros máis á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para financiar o programa Vacacións en Paz. Este ano foron 17 os nenos e nenas que conviviron no Val Miñor e Baixo Miño no marco do programa Vacacións en Paz, oito en Nigrán, cinco en Gondomar, un en Tomiño, dous en Tui e un na Guarda.

A concelleira de Cultura e Deportes, Nuria Lameiro, anunciou que estas axudas sumaranse ás subvencións de libre concorrencia que se convocarán tras o pleno ordinario de novembro. Segundo avanzou a edil, este ano destinaranse 1.000 euros máis a entidades culturais e 3.000 ás deportivas. “Desde o Concello de Gondomar queremos brindar máximo apoio ás actividades organizadas polas distintas entidades sociais do municipio porque constitúen unha parte fundamental e imprescindible dentro da programación que se oferta anualmente e permiten a realización de actividades culturais, deportivas e sociais nas distintas parroquias”.