David Fernández Rivera leva a poesía visual aos colexios de Baiona

FOTO: ACDFR // David Fernández Rivera cos alumnos de 5º de Primaria do CEIP Belesar.

Os alumnos e alumnas de 5º de primaria dos diferentes centros educativos de Baiona desfrutaron xunto ao poeta e educador David Fernández Rivera do Proxecto Caligrama 2000, un obradoiro de poesía visual creado polo artista e que xa visitou multitude de aulas, tanto a nivel nacional como internacional. Os colexios que participaron nesta experiencia foron o CEP de Sabarís, o CPI de Covaterreña, o CEIP de Belesar e o CEIP de Fontes. Esta actividade estivo impulsada por Beatriz González, concelleira de Educación, dentro do programa de Dinamización da Lingua, contando co apoio da Deputación de Pontevedra.

O obradoiro busca converter a aula nun vehículo cara ás diversas entrañas e paisaxes das infinitas correntes da poesía visual. Esta manifestación lírica, quizais menos coñecida que a tradicional, pero exactamente igual de importante e transcendente, moitas veces atopa nos nenos ao seu mellor público; debido a que se algo é necesario para gozar de todo o que nos ofrece esta visión da poesía, é a imaxinación, un atributo que os infantes teñen a flor de pel.

Do mesmo xeito, o Proxecto Caligrama 2000, non só valora o feito de que os máis pequenos se acheguen a este xénero, é máis, aprovéitase desta circunstancia para que os alumnos desenvolvan aspectos tan importantes como as relacións inter e intrapersonais, a capacidade de expresión, a interpretación do mundo que lles rodea ou a comprensión da arte e a cultura como algo intrínseco ás súas vidas.

Esta iniciativa sorprende e seguirá sorprendendo, xa que en ningún momento David Fernández Rivera ofrece poesía adaptada á infancia, senón que se basea na realidade, moitas veces pasada por alto, de que os nenos teñen tanta ou máis capacidade que os adultos para asombrarse ou soñar desde e a través da arte. Dito isto, non é estraño que os estudantes reciban con entusiasmo obras de poetas como Joan Brossa ou Apollinaire, por mencionar algúns dos autores que se traballan nesta dinámica.

En gran medida, o éxito deste obradoiro baséase na pedagoxía que desenvolveu e utiliza Rivera en todas as súas experiencias con menores. Nela, o vigués consegue todos e cada un dos seus obxectivos partindo, entre outras moitas cousas, das necesidades e motivacións da infancia. Para que estas afloren e se desmarquen dos contextos máis tradicionais, o autor traballa con gran intensidade a autonomía do neno sobre os diferentes estímulos que este recibe. No Proxecto Caligrama 2000, estes non só son visuais, senón que ocupan unha gran amálgama a partir de métodos como o mayéutico-dialéctico, a experimentación guiada, a aprendizaxe por descubrimento, así como moitos outros.

Por último, é reseñable que unha das grandes finalidades deste taller é a de ofrecer ferramentas ao persoal docente, así como servir de detonante para a realización de actividades, exercicios e propostas de alumnos e profesores relacionados coa poesía visual ao longo do curso.