O investigador do CSIC Serafín González aborda en Nigrán a problemática dos incendios

O Concello de Nigrán, a través do proxecto de divulgación Ciudad Ciencia impulsado polo CSIC e a Obra Social “la Caixa” ao que se adheriu o municipio, ofrece este venres ás 19:30 horas no Auditorio Municipal a charla “Incendios forestais: a marea negra dos montes galegos”, a cargo de Serafín González, investigador do Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG) do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

González é autor de 62 artigos en revistas científicas, dos cales 23 están centrados nos incendios forestais e os seus efectos nos chans. O obxectivo é abordar esta problemática desde unha perspectiva o máis ampla posible. Por unha banda falará da magnitude e as causas do problema, e por outro das consecuencias, tanto directas como indirectas, que supoñen os incendios. Paralelamente, analizará os impactos sobre o medio que produce a súa extinción e das posibilidades de rexeneración natural dos ecosistemas, ademais das posibles actuacións post-incendio.

“O Concello de Nigrán sufriu especialmente a onda incendiaria do día 15 que custou a vida a dúas veciñas de Chandebrito e que calcinou unha porcentaxe elevadísima da nosa masa forestal. Agora, máis que nunca, necesitamos o asesoramento de investigadores especializados, por iso a presenza de Serafín González é importantísima”, reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.