Máis de 50 persoas asistiron o pasado sábado á asemblea de constitución do Voluntariado Medio Ambiental de Gondomar, que se celebrou no Centro Neural, aínda que pasan de cen as anotadas e segue aberta a posibilidade de apuntarse para quen queira.
“Quero agradecer publicamente a súa disposición e xenerosidade”, subliña Antonio Araúxo, quen engade que “nace da man do Concello, pero nace sobre todo como un espazo máis de participación cidadá”.
Un dos acordos tomados, á vista dos lumes de mediados de mes, foi poñerse a disposición das Comunidades de Montes Entidade Local Menor de Morgadáns, e do Concello, para colaborar alí onde, cando e como se lles diga. “Hoxe mesmo foron enviados formalmente a estas entidades, os escritos poñéndose ao seu dispor”, subliña Araúxo.
Que é o voluntariado e onde está regulamentado?
O voluntariado é a manifestación explícita da consciencia solidaria da cidadanía que fortalece a convivencia democrática e axuda á cohesión social. Polo tanto, é una obriga dos poderes públicos, principalmente dos concellos, darlle o soporte legal e as estruturas necesarias que lle posibiliten á sociedade civil intervir dende a liberdade naquelas cuestións, sectores ou actividades de interese xeral.
O Concello de Gondomar leva moitos anos rexistrado na Xunta de Galicia como organización participante do voluntariado social, e dende hai uns meses está preparando a creación dun Voluntariado Medio Ambiental, que na práctica xa leva uns anos funcionando centrando a súa actividade exclusivamente na limpeza dos nosos ríos. A vaga de lumes dos días 14-15-16 de outubro, fixo que se precipitara a súa constitución grazas á demanda e ao pulo de ducias de persoas solidarias dispostas a botar una man. Era a ocasión!!.
A creación deste Voluntariado Medio Ambiental ten vocación de permanencia no tempo, pois entre os seus obxectivos principais debe estar a creación de consciencia medio ambiental. É dicir, de traballar con visión de futuro.
O voluntariado en Galicia está regulamentado pola Lei 10/2011, de 28 de novembro, de Acción Voluntaria, que derrogou a Lei 3/2000, de 22 de decembro, do Voluntariado de Galicia (modificada pola Lei 3/2003, de 29 de abril, de Medidas de Réxime Fiscal e Administrativo). Neste senso, será unha función do Concello darlle a cobertura legal suficiente: seguros, materiais básicos, colaborar na coordinación, etc.
En todo caso, a acción voluntaria non poderá de ningunha maneira eximir ás Administracións Públicas das responsabilidades e das obrigas que lle corresponden, e asemade, a acción voluntaria non poderá en ningún caso substituír o traballo remunerado ou a prestación de servizos profesionais remunerados.
Ámbitos de actuación
Valórase abrir dous grandes ámbitos ou espazos de actuación que se definen da seguinte maneira:
• Un ámbito denominado de terra, que abranguería: montes, bosques, terreos degradados, etc.
• E outro ámbito denominado de auga, que abranguería: ríos, xunqueiras, espazos húmidos, e láminas de auga en xeral.
Obxectivos básicos
Acordouse marcar catro grandes obxectivos con todo o abano de posibilidades que cada un deles ofrece:
• Prevención, disuasión: isto en ningún caso ten que ver con realizar labores de tipo “policial” nin nada semellante. Por exemplo pasear por determinadas zonas do monte propensas á queima no verán; detectar a proliferación de vertedoiros de entullos incontrolados; ou aqueles espazos inzados de plantas invasoras, etc. pode axudar a evitar incendios provocados, verteduras incívicas ou a evitar a propagación de bio-invasores.
• Recuperación: axudar á recuperación de espazos degradados, sempre baixo a supervisión de expertos, e co prace dos propietarios dos mesmos, sexan públicos, privados ou comunais.
• Urxencias: actuar naquelas situacións de emerxencias nas que sexan requiridos baixo a estrita supervisión dos especialistas. Por exemplo nunha inundación ou nun incendio, atendendo ás persoas afectadas, á intendencia (levando auga, mantas, comida, etc.).
• Concienciación cidadá: se cadra esta é a máis importante de todas, comezando por formarse a eles mesmos; divulgando os valores medio ambientais; charlas nos colexios, nos IES, AAVV, etc.
“Fíxose fincapé, que en ningún caso o voluntariado pretenderá substituír aos profesionais que actúan en cada ámbito, e moito menos actuar por libre naqueles espazos que xestionan outras entidades públicas, privadas ou comunais. Os voluntarios medio ambientais estaremos sempre á disposición de quen requira a nosa intervención ou axuda… Concello, E.L.M.de Morgadáns, CCMM, Colectivos Ecoloxistas, Centros Escolares, etc… O que non impide que tamén poidamos poñer á disposición destes colectivos, institucións ou sociedade en xeral, os nosos coñecementos e saberes”, destaca o concelleiro de Medio Ambiente.
Organización
A asemblea deulle o prace á creación dun grupo de traballo (máximo de 10 persoas, conxuntamente co concelleiro de Medio Ambiente), coa función de levar a cabo os formalismos necesarios da posta en marcha do voluntariado, e mentres tanto, atender as continxencias que poidan vir, así como ir dando os primeiros pasos levando a cabo as primeiras accións.
As primeiras accións serán poñerse en contacto cos Colexios e IES; coas CCMM e coa E.L.M. de Morgadáns, que sufriron a vaga de lume nos montes das súas parroquias.
Completar e ampliar a base de datos: nome, teléfono e sobre todo un e-mail. Tamén podería un grupo de WhatsApp. Será un voluntariado en rede.
Como acción inmediata acordouse programar unha andaina polos montes queimados (polos camiños), guiada por especialistas e comuneiros co obxecto de comprobar in situ a acción destrutiva do lume, tanto no arborado, coma no patrimonio histórico ou etnográfico; ou ver os cortalumes naturais formados polas árbores frondosas, etc.
Valorouse tamén a posibilidade de facer cursos, seminarios, charlas de formación, abertos, prácticos e didácticos para os propios voluntarios, e para xente en xeral.
En resumo, acordouse:
1º.- Que o Voluntariado Medio Ambiental é una necesidade, mesmo, como espazo de participación da cidadanía máis activa e solidaria.
2º.- Botala a camiñar coa cobertura legal necesaria e xestionada dende o Concello de Gondomar, coa vocación inequívoca de perdurar no tempo.
3º.- Poñer a disposicións das CC.MM, da E.L.M. de Morgadáns, e dos IES e Colexios Públicos do Concello, todo o potencial humano do que neste momento dispoñemos.
4º.- Que o grupo de traballo e coordinación propoña canto antes una andaina guiada polos nosos montes, na liña do falado.

