Destacada actuación da AD Vincios no Zonal de Lalín

FOTO: AD VINCIOS // Luisa Pintos no segundo caixón do podio.

Esta pasada fin de semana disputouse no Lalín Arena o Zonal 1 clasificatorio para o Torneo Estatal en todas as categorías. A este torneo acudían clubs de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León. A AD Vincios acudía a esta cita cunha ampla representación de 11 xogadores e xogadoras. A competición comezou o sábado para os representantes alevíns e sub-23. Cosme Fernández non conseguía pasar de grupo na categoría alevín. En sub-23 tanto Manu Bodega como Martín Pintos lograban superar o grupo e entrar no cadro final da competición. Martín Pintos conseguía realizar unha brillante actuación chegando ata a final onde cedía por 3-1 ante Daniel Palacios do Leka Enea de Irún nun partido disputadísimo.

O domingo era a quenda dos infantís e xuvenís. Nesta xornada conseguiron facer o pleno de xogadores/as clasificados/as para o cadro final da competición, un feito que máis alá do resultado final é digno de ser destacado e que respondeu a unha disposición moi positiva para a proba e que é un paso máis na evolución destes deportistas. Esta é a lista dos xogadores que o conseguiron: Pedro Bodega, Nico González, Simón Casal, Andrés Torres, Lucía Domínguez, Luisa Pintos, Guillermo Casas e Mario Cebreiro. Xa no cadro xuvenil masculino, Pedro e Simón pasaban a previa. Na rolda de dezaseisavos de final Simón tivo a mala sorte de enfrontarse ao seu compañeiro Andrés que o derrotou por 3-0. Pedro caía ante o cántabro Gramko, posteriormente subcampión, por 3-0 e Nico perdía ante Adrián Pañeda. Mario avanzaba ata oitavos despois dun excelente partido con Arkatiz Alcuten e logo perdía con Hodei Mancha 3-1. Xogaba os postos do 9 ao 16 e despois de gañar dous partidos quedouse ás portas da clasificación para o Estatal ao perder o partido polo noveno posto contra o pucelano Raúl Gómez. Andrés Torres realizaba unha excelente competición e avanzaba ata cuartos de final, obtendo así a clasificación. En oitavos derrotou a Xuban Adrian do País Vasco nun emocionante partido que se decidiu no quinto set para caer na antepenúltima rolda contra Gramko por 3-0. Na loita polos postos do 5 ao 8 acabaría sexto.

En infantil masculino Guillermo Casas pasou o grupo con destacados partidos ante os cabezas de serie. Xa no cadro pasou unha rolda derrotando a Raúl Saura e caeu en oitavos contra Iker García. Nos postos do 9 ao 16 non logrou pasar rolda.

En infantil feminino, Lucía Domínguez competía excelentemente e pasaba de grupo. Xa no cadro perdía na rolda de oitavos contra June García do País Vasco e acababa nun meritorio 11º posto derrotando no último partido a Maialen García por un axustado 3-2.

Deixamos para o final a sobresaliente actuación de Luisa Pintos, que pasou grupos gañando todas as súas partidas e xa no cadro foi pasando roldas ata chegar á gran final do torneo onde nun emocionantísimo e disputadísimo partido perdía coa cabeza de serie número un, Andrea Chaves, de Cantabria, 3-2 e 11-9 no quinto set onde tivo vantaxe de 5-2.

En calquera caso, destacada actuación de todos os e as representantes do club. Están clasificados xa directamente para o Estatal de Valladolid Martín Pintos en sub-23, Andrés Torres en xuvenil e Luisa Pintos en infantil. O resto terán que gañarse esa clasificación na repesca que se celebrará en Guadalaxara a principios do mes de decembro.

ZONAL DE LALÍN DE TENIS DE MESA
FOTO: AD VINCIOS // Zonal de Lalín de Tenis de Mesa.
Anuncios