Anuncios
Ticker de novas

O DOG publica hoxe a orde de axudas para a reparación de danos ocasionados pola vaga de lumes

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Incendio en Baiona.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde conxunta que establece as bases reguladoras das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

Mediante esta Orde, que prevé un investimento de máis de 11 millóns, desenvólvese o Decreto e facúltase ás consellerías e as entidades do sector público para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións e medidas necesarias para a súa aplicación.

A orde estrutúrase en oito capítulos que se corresponden coas consellerías que teñen atribuída a competencia para a convocatoria e resolución das axudas, que son a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Facenda, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda (Instituto Galego da Vivenda e Solo), a Consellería de Economía, Emprego e Industria (a través do Instituto Galego de Promoción Económica), a Consellería do Medio Rural, a Consellería do Mar, a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte.

Ademais das medidas que se prevén nesta orde, a Consellería de Medio Ambiente, a Consellería do Medio Rural, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a de Infraestruturas e Vivenda articularán, de xeito simultáneo, actuacións directas encamiñadas a recuperar os bens públicos e privados danados e valoradas en 9,8 millóns.

Así, Medio Rural destina 7 millóns para accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas. Traballarase nunha primeira fase nos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo de 2017 e, nunha segunda fase, naqueles lugares onde se considere preciso actuar.

Pola súa parte, Medio Ambiente adoptará medidas para a rexeneración e consolidación dos solos danados polos incendios nos parque naturais dando prioridade ao restablecemento dos hábitats na Baixa Limia-Serra do Xurés debido á presenza de especies catalogadas en perigo de extinción. Estas actuacións directas ascenderán a 1,1 millóns.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria contará coa colaboración da Fundación Incyde para levar a cabo un programa de recuperación e continuidade dos negocios afectados polos lumes. Cun orzamento de ao redor dun millón de euros, a Fundación porá á disposición dos empresarios un equipo de expertos para a recuperación dos negocios – sobre todo nas zonas rurais afectadas–, e que incluirá un paquete de medidas para devolver a normalidade ás empresas, asegurando o seu funcionamento e preparándoas ante imprevistos que poidan suceder no futuro.

A Consellería de Infraestruturas investirá máis de 700.000 euros en reparacións en diversas estradas da provincia de Pontevedra afectadas polos lumes. Así, acometeranse obras de emerxencia destinadas á substitución, en diversos treitos, de sinalización vertical, balizamento, barreiras de seguridade e valos de cerramento, ademais de á retirada e tratamento de materia vexetal queimado nas marxes, reperfilado de noiros para garantir a súa estabilidade, e de cunetas.

Ademais, coa finalidade de dar unha resposta axeitada aos damnificados, considérase preciso reforzar a atención aos usuarios mediante a posta en marcha dunha liña específica e gratuíta, que estará operativa todos os días da semana, sábados e domingos incluídos, das 8.00 ás 22.00 horas, que ofrecerá unha atención especializada ás persoas damnificadas, asesorándoas tanto nas súas relacións, como consumidores, coas correspondentes compañías aseguradoras, como na preparación da documentación necesaria para presentar as solicitudes das diferentes liñas de axudas ,mediante a liña de telefono 900 81 54 00.

Anuncios