Sin categoría

Festa de Samaín en Peitieiros, Mañufe e Baredo e Truco ou Trato? en Baíña

Este martes 31 de outubro celébrase o Samaín en Peitieiros, Mañufe e Baredo, e o Halloween en Baíña.

O Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros organiza unha Festa do Samaín a partir das 19:15 horas no Adro da Igrexa. Haberá obradoiro de candís e de cabazas, rabaquetas, calacús, cidras e outras cucurbitáceas (hai que levar a cabaza e un bote de vidro tipo iogur ou marmelada, culler e coitelo, e se se quere, accesorios para adornar a cabaza); conta contos de medo; merenda cea (os que queiran poden aportar algo para picar ou algún doce típico da tempada); e percorrido das almas perdidas polos arredores. Os máis peques teñen que ir acompañados por un adulto.

A Asociación San Vicente de Mañufe celebra unha Festa de Samaín no Centro Cultural a partir das 19:30 horas. Haberá concurso de disfraces terroríficos, concurso de cabazas e castañas gratis.

Tamén ás 19:30 horas comeza a Festa de Samaín da Cafetería do Centro Cultural A Cela de Baredo, que incluirá concurso de disfraces con grandes premios.

Finalmente, o Centro Cultural de Baíña celebra Halloween co típico Truco ou Trato?, ás 21:00 horas con saída e chegada na Igrexa Parroquial. Entregarase un pequeno detalle a cada participante.