Ferreira ameaza con mobilizacións se a Xunta non autoriza xa a incorporación de Gondomar no transporte metropolitano

O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, mostrou a súa preocupación pola dilación da Dirección de Transportes da Xunta a autorizar a incorporación deste municipio ao Plan de Transporte Metropolitano.

Ferreira, que foi recibido esta semana polo Director Xeral de Transportes, reclamou máis implicación da Xunta para acabar coa problemática do transporte interurbano neste municipio onde ademais da falta de entendemento entre as dúas empresas concesionarias, os veciños non poden beneficiarse aínda dos descontos que se teñen outros municipios de Galicia. «Parece que hai cidadáns de primeira e cidadáns de segunda», lamentou o rexedor. Segundo Ferreira, o director xeral indicou que a adhesión de Gondomar está pendente de estudo na Comisión de Transportes, que aínda non se reuniu, «pero tamén nos dixo que a comisión fará unha valoración global e que non haberá ningún tipo de prioridade para Gondomar».

O alcalde explicoulle que Gondomar non vai aceptar o non por resposta, nin un trato desigual e lembrou que nas reunións previas coa conselleira «sempre se nos garantiu que se Gondomar solicitaba a firma do convenio entrariamos». Ferreira, ameaza con mobilizacións sociais se Gondomar non recibe o trato igualitario que merece. «Estamos á espera de que a Consellería convoque a comisión onde se inclúa a Gondomar no plan. Se non se soluciona este tema xa e non se asina o convenio, empezaremos a mobilizarnos», asegura o rexedor.

A entrada de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano aínda non se fixo efectiva, a pesar de que a corporación municipal aprobou a súa incorporación no pleno de febreiro por maioría absoluta e coa única abstención de Gondomar Concello Aberto (CABE). A sesión autorizou a firma do convenio de Transporte Público Metropolitano para os tres próximos anos e habilitou unha partida para facer fronte aos pagos do convenio que ascende a case 87.000 euros. O importe do gasto estimado neste plan de transporte é de 27.902 euros o primeiro ano; 28.878 euros o segundo ano; 29.889 euros o terceiro. Ferreira lembrou que coa entrada de Gondomar no transporte metropolitano cada veciño aforrarase 7,35 euros á semana no percorrido entre Gondomar e Vigo; xa que actualmente o prezo do billete é de 1,90 euros. No caso das viaxes desde outros puntos do municipio o aforro é maior, xa que desde Morgadáns o prezo do billete actual a Vigo é de 2,15 euros; desde Peitieiros 2,55 euros e desde Couso 2,75 euros; quedando cada un dos percorridos en 0,85 euros. Ademais, o convenio beneficiará especialmente aos mozos menores de 19 anos, que en Gondomar son case 3.000, permitíndolles realizar ata 60 viaxes intermunicipais gratis.