O turismo náutico, a debate no Galicia Atlantic Destination

O Parador Nacional de Baiona acolleu este venres a primeira xornada do congreso de turismo náutico europeo Galicia, Atlantic Destination, no que representantes dunha vintena de clubs e asociacións náuticas do vello continente debaten sobre a situación e retos de futuro do sector.

Na sesión inaugural, que incluíu varios relatorios, mesas redondas e workshops, os asistentes destacaron as melloras rexistradas nos portos e mariñas de Galicia ao longo dos últimos anos, e coincidiron en sinalar o gran potencial que ten a comunidade parar atraer a visitantes de toda Europa.

Pero non todo foron encomios, xa que tamén se puxeron sobre a mesa algunhas problemáticas, relacionadas principalmente co idioma e as conexións aéreas. Apuntáronse as dificultades para chegar a Galicia en voos directos desde moitos dos países de orixe dos posibles tránsitos e o feito de que nalgunhas mariñas o persoal apenas fale inglés.

Outras das accións de mellora que se expuxeron no congreso inciden na necesidade de implementar as infraestruturas e servizos complementarios aos portos e mariñas; e realizar unha mellor difusión das propostas turísticas para poder chegar ao maior número de persoas posible.

Europa, no punto de mira

Se en algo coincidiron as autoridades encargadas de inaugurar o Galicia, Atlantic Destination foi na necesidade de impulsar o gran potencial do turismo náutico de Galicia en toda Europa, co obxectivo de convertela en lugar de referencia para os navegantes.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, encargada de inaugurar o Galicia, Atlantic Destination, apuntou ao vello continente como un dos principais mercados cos que ten que traballar Galicia, xa que, segundo asegurou, 8 de cada 10 embarcacións que navegan polas rías galegas proceden de distintos países de Europa.

Nesa idea incidiu tamén o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, ao falar da fidelización do tráfico que reciben de Europa como un dos obxectivos do seu departamento. “Galicia -dixo- conseguiu que as instalacións náuticas reciban cada ano un maior número de visitantes, e o esforzo débese centrar agora en aspectos máis cualitativos que cuantitativos”.

En representación do Monte Real Club de Yates, que organiza o evento da man de Turismo de Galicia, Portos de Galicia e o concello de Baiona, interveu o seu presidente, José Luis Álvarez. No seu discurso convidou a todos os asistentes a coñecer os atractivos da nosa costa, entre os que destacou o feito de ter “unhas rías navegables durante todo o ano, unha posición estratéxica para os tránsitos, e unha xente, cultura e gastronomía inigualables”.

Minicruceiros polas rías e estratexias para o desenvolvemento náutico rexional

Os representantes da vintena de clubs e asociacións náuticas de toda Europa que asisten ao Galicia, Atlantic Destination puideron coñecer de primeira man dúas das propostas que buscan impulsar o turismo náutico en Galicia: os minicruceiros polas rías e o proxecto europeo Ecodestin.

O presidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan +), Manuel Soliño, foi o encargado de explicar os minicruceiros polas rías. Son unha serie de itinerarios de navegación que vinculan diversos traxectos con sectores de atracción turística como a cultura, o patrimonio ou a enoloxía. A oferta inclúe seis rutas polas rías galegas en ferri-catamarán ou veleiro, con percorridos por zonas como a ría de Arousa, as Illas Atlánticas ou as vilas mariñeiras da ría de Vigo, entre outras.

O proxecto Ecodestín, presentado polo xerente de Estratexia Plus, Antonio Monteagudo, segue o exemplo de desenvolvemento dos fiordos en Noruega e busca facer máis atractivo o territorio fomentando e desenvolvendo o patrimonio cultural vinculado ás rías, ríos e costa da eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Con fondos europeos, os portos poderán aumentar a súa capacidade de atracada de tránsitos, facelos máis accesibles e reforzalos con tecnoloxía.

O congreso desprázase mañá á ría de Arousa

Tras a xornada inaugural celebrada este venres no Parador Nacional de Baiona, o Galicia, Atlantic Destination desprázase mañá á zona de Arousa para realizar un percorrido turístico pola ría.

Os visitantes, procedentes Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Irlanda, Países Baixos, Portugal e Reino Unido, embarcaranse no porto de Cabo de Cruz, en Boiro, para navegar ata a illa de Sálvora, incluída no Parque Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

As illas de Noro e Rúa, o arquipélago de Guidoiro, e as illas de Areoso e Arousa serán algúns outros dos puntos que visitarán na segunda e última xornada do congreso. Unha ruta en tren turístico por Vilanova de Arousa e a visita á Casa Museo Valle Inclán poñerán o punto e final ao encontro de clubs e asociacións náuticas europeas.

Anuncios