Nigrán aproba unha declaración institucional sobre os incendios e a petición de zona gravemente afectada

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Nigrán.

O Concello de Nigrán, co apoio unánime de toda a corporación e a proposta do goberno, aprobou onte no pleno unha declaración institucional sobre os terribles incendios do 15 de outubro e unha moción para pedir ao Consello de Ministros a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia. O goberno quixo trasladar os dous asuntos ao Pleno para que, precisamente, fose asumida por toda a corporación ante a magnitude da situación.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

A Corporación Municipal de Nigrán quere expresar unanimemente o seu pesar pola morte de Maximina Iglesias Iglesias e Ángela Otero Otero, veciñas de Chandebrito que perderon a vida no terrible incendio que asolou á parroquia o domingo 15 de outubro, polo que, en representación de toda a veciñanza, desexa deixar constancia da súa condolencia ás familias e amizades das vítimas.

Así mesmo, a Corporación Municipal de Nigrán quere agradecer publicamente o traballo na loita contra o lume no municipio de Policía Local, Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES), Protección Civil, Garda Civil, Policía Nacional, Cespa, Aqualia, operarios municipais, decenas de empresas e, sobre todo, á veciñanza de Nigrán, que non dubidou en saír a rúa para sufocar as chamas ou aportar a súa axuda aos afectados. Sen dúbida, e ante a falla de medios de extinción externos, o traballo conxunto de todos eles evitou que Nigrán vivise unha traxedia humana e medioambiental aínda maior. Tralo vivido estes días, a Corporación Municipal quere recoñecer o coraxe, espírito solidario e compromiso inquebrantable da veciñanza coa súa contorna, feito do que sentírmonos todos orgullosos e que forma parte da identidade do noso pobo.

Finalmente, a Corporación Municipal de Nigrán traslada a súa enérxica repulsa e condena a calquera acto incendiario intencionado e pide a máxima colaboración cidadá para avanzar na investigación sobre a orixe destes terribles lumes.

SOLICITUDE DE DECLARACIÓN DO MUNICIPIO DE NIGRÁN COMO ZONA AFECTADA GRAVEMENTE POLOS INCENDIOS FORESTAIS ORIXINADOS O 15 DE OUTUBRO DE 2017 E PETICIÓN DE AXUDAS ADICIONAIS

A vaga de incendios forestais que arrasou Galicia en datas recentes tivo unha particular incidencia neste municipio. Concretamente a partir do 15 de outubro, o lume non soamente arrasou montes e outros bens públicos e privados en diversas parroquias de Nigrán, senón que ademais, e isto é moito máis grave, acabou coa vida de dúas veciñas do municipio, Maximina Iglesias Iglesias e Ángela Otero Otero. O alcance desta traxedia humana e ambiental obriga aos poderes públicos a adoptar medidas que permitan axudar, na medida do posible, ás vítimas e ás súas familias, a compensar e reparar os danos padecidos e a recuperar os espazos afectados.

Por iso, apelando ao principio constitucional de solidariedade e ao amparo do previsto na lexislación de protección civil de mais disposicións de aplicación, proponse ao Pleno a adopción dos seguintes ACORDOS:

PRIMEIRO.- Solicitar do Consello de Ministros a declaración do Municipio de Nigrán como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, por mor dos incendios forestais, e a adopción das consecuentes medidas de axuda previstas na normativa aplicable.

SEGUNDO.- Solicitar á Xunta de Galicia a aplicación das axudas previstas para a reparación de danos causados polos incendios acontecidos en Galicia durante o mes de outubro de 2017.

TERCEIRO.- Facultar á Alcaldía para levar a cabo cantas actuacións sexan necesarias para levar a debido efecto o acordado.