Medio Rural mantén contacto permanente e sobre o territorio cos diferentes sectores afectados polos lumes

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Visita a unha explotación gandeira en Morgadáns.

A Consellería do Medio Rural estivo dende o primeiro momento no que comezou a última vaga de lumes cos afectados. Tras a extinción de todos os incendios incrementouse este contacto permanente e sobre o terreo cos damnificados para coñecer de primeira man as súas necesidades. De feito, os directores xerais das distintas áreas levan días realizando visitas a diferentes concellos para ver os danos ocasionados e recoller as demandas dos veciños e titulares de todo tipo de explotacións.

Neste sentido, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, estivo xa na provincia de Lugo, onde puido comprobar as necesidades de dous sectores produtivos ben distintos. Dunha banda, en Triacastela visitou colmeas afectadas, mentres que en Pobra de Brollón analizou o estado dos pasteiros da contorna, como tamén fixo en Samos. En todos os casos estivo acompañada pola xefa territorial da consellería na provincia e por responsables municipais de cada Concello.

Precisamente coñecer como están os pastos das diferentes gandarías é unha das prioridades desta dirección xeral e, por conseguinte, de toda a Consellería. Por iso, Belén do Campo tamén se trasladou a diferentes zonas da provincia de Ourense como San Xoán do Río e Montederramo para analizar xunto con gandeiros a situación en cada municipio. No caso concreto de Montederramo, a directora xeral mantivo unha reunión previa co alcalde e os gandeiros antes de visitar os terreos danados. Entre os damnificados, titulares de empresas de vacún de carne, algunha delas de razas autóctonas e ecolóxicas.

Deste xeito, a portavoz de Gandaría puido compartir impresións para saber cales son as súas necesidades derivadas dos últimos lumes acontecidos. En todos os seus encontros, Belén do Campo explicoulles as axudas que contempla o Goberno galego para os prexudicados. Hoxe mesmo continuaron estas visitas, que incluíron varias adegas e explotacións vitícolas da zona das Neves, en Pontevedra, e unha explotación gandeira en Morgadáns, Gondomar, membro da asociación de criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). No primeiro caso acompañada polo delegado territorial, Ignacio Lópz-Chaves, e no segundo polo alcalde de Gondomar, Paco Ferreira.

Organizacións agrarias

Do mesmo xeito, a directora xeral vén de reunirse cos portavoces das organizacións agrarias para explicarlles todas as medidas que ten previsto desenvolver o Goberno galego co fin de paliar os danos dos incendios. No encontro, ao que asistiron portavoces de Unións Agrarias, da Asociación Galega de Agricultura (AGA) e do Sindicato Labrego, Belén do Campo trasladou os pasos que deu a Consellería dende o momento en que quedaron extinguidos os lumes para paliar as súas consecuencias.

Así, indicou que se encargaron informes aos servizos periféricos e, en base aos seus resultados, elaboráronse as ordes de axudas xa aprobadas pola Xunta de Galicia e que teñen un carácter moi amplo, para que todos os damnificados poidan ter acceso ás mesmas.

Reestruturacións parcelarias

Dado que o obxectivo da Consellería do Medio Rural é coñecer de xeito transversal as problemáticas particulares de cada ámbito para poñerlles solución específicas, tamén o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, iniciou unha rolda de visitas, neste caso por reestruturacións parcelarias afectadas en maior ou menor medida polos lumes.

No que vai de semana xa ten acudido ao municipio de Castrocaldelas, á concentración de Burgo-Vilamaior-Camba, e tamén a Melóns-Quins, ambas na provincia de Ourense. Na Coruña, Pérez Dubois comprobou os danos na reestruturación de Cures, no concello de Boiro. Xa no día de hoxe desprazouse ata Triabá, en Castroderei. O director xeral explicou que os danos son moi dispares en cada sitio, en todo caso, en todos eles trasladou aos damnificados as posibilidades que teñen para ser compensados economicamente grazas ás axudas aprobadas pola Xunta e que sairán proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Ademais, o arranxo de danos provocados polo lume nas redes de camiños das parcelarias serán asumidos directamente pola Consellería do Medio Rural xa que se trata de parcelarias vivas, aínda sen entregar aos novos titulares.

Anuncios