A Coordinadora Veciñal de Gondomar convoca unha Asemblea Aberta

A Coordinadora de Entidades Veciñais de Gondomar ten convocada Asemblea Xeral Aberta á toda a veciñanza para hoxe venres 27 de outubro, ás 20:15 horas, no Centro Neural de Gondomar.

Co fin de que a veciñanza poida coñecer de primeira man as opinións dos distintos grupos municipais representados na corporación a respecto do Regulamento de Participación Cidadá aprobado inicialmente en pleno hai máis dun ano, a Coordinadora propón a celebración dun debate público no que participe unha persoa representante de cada grupo e unha persoa máis en representación da propia coordinadora.

O desenvolvemento do debate consistiría, nunha primeira parte, en que cada representante respondera as dúas preguntas seguintes:
1.- Que entende a súa organización por Participación Veciñal/Cidadá? (1,5min)
2.- Cal é a posición da súa organización a respecto do Regulamento de Participación Cidadá aprobado inicialmente en setembro de 2016? (1,5min)

Unha vez rematada a rolda de intervencións, iniciaríase a segunda parte do debate entre as persoas asistentes á Asemblea, consistente en dúas quendas de palabra pechadas nas que poderá facer uso da palabra quen así o desexara.

Até o momento só confirmaron asistencia os grupos municipais de Manifesto Miñor (MM), de Gondomar Concello Aberto (CABE) e de Iniciativa por Gondomar (IxG). O Partido Popular (PP) declina a invitación por entender que o debate debe facerse no pleno, non diante dos veciños. O PSOE aínda no deu resposta ao convite.

«Desde a Coordinadora agardamos que finalmente acudan todos os grupos políticos e facemos tamén un chamamento á veciñanza para empezarmos a poñer en práctica o que demandamos, a participación cidadá na vida municipal».

Anuncios