O Trail Trans Serra da Groba cumpre media década e estará dedicado aos afectados polos incendios

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Presentación do V Trail Trans Serra da Groba.

O Monte Sansón aos pés da Virxe da Rocha foi o escenario elixido para a presentación da V edición do Trail Trans Serra da Groba – Baiona 2017. A elección non foi baladí pois este monte foi escenario o pasado 15 outubro dos graves incendios que sufriu a localidade. A proba deportiva é unha das máis afíns co monte e coa contorna ambiental da vila, polo que os organizadores quixeron mostrar a súa solidariedade cos afectados e decidiron dedicar esta nova edición do trail a todos aqueles que padeceron os lumes.

O Trail Trans Serra da Groba cumpre media década e desde a organización quixeron celebrar este aniversario especial introducindo unha nova modalidade competitiva: o trailiño, cunha distancia de aproximadamente 12 Km e dificultade media para quen desexe iniciarse na modalidade de montaña.

Ademais desta nova incorporación, os amantes do deporte poderán gozas das probas xa míticas desta competición:

A trail de montaña, exponse novamente, como unha carreira por montaña, cunha distancia de 55 Km. No seu trazado, os deportistas poderán poñer a proba os seus dotes atléticos e técnicas nunha contorna de montaña. Un marco ideal para embeberse do espírito da montaña e medirse en limpa competición. Para participar nesta modalidade esíxese correr como mínimo unha media maratón nos últimos 2 anos.

A proba ofrece tamén unha mini-trail, modalidade introducida na II edición, modalidade competitiva cunha distancia aproximada de 25 Km, pensada para que calquera persoa adestrada e afeita a moverse por terreo de montaña, e que poida realizar o percorrido completo, dando oportunidade a que participen deportistas de todos os niveis, desde os que son capaces de completar o percorrido correndo ata os que alternando a carreira e a marcha.

Os corredores que o desexen poderán portar o seu material persoal, alimento e líquido necesarios para superar os distintos percorridos con seguridade, ou tamén poderán facelo nos distintos puntos de avituallamento que a organización pon a disposición dos participantes. Concretamente durante o percorrido da trail dispoñeranse 9 lugares.

A trail de montaña celebrarase o vindeiro sábado 4 de novembro. Ten saída e meta no Pavillón Municipal de Deportes, na rúa Dolores Agrelo, tras percorrer as paraxes máis emblemáticas das montañas baionesas. Transcorrerá polas parroquias de Baiona, Baredo, Baíña, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa, pasando por pistas forestais, carreiros tradicionais e tramos de asfalto á saída e á chegada a meta.

A proba está aberta a todos os atletas e deportistas con idade mínima de 18 anos (cumpridos o día da proba). O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo 30 de outubro e poderá realizarse vía internet, a través da páxina Web do Concello de Baiona, www.trailserragroba.com, enchendo o formulario habilitado para o efecto e efectuando un ingreso ou transferencia bancaria á conta de ABANCA nº ES23-2080-5015-6131-1002-4243. Os atletas de Portugal que desexen inscribirse, poderán realizar o ingreso na conta do Banco Comercial Portugués, nº PT50-0023-0000-45420339144-94, SWIFT BCOMPTPL. En todos os resguardos de inscrición farase constar o nome e DNI do participante.

REGULAMENTO V TRAIL SERRA DA GROBA_BAIONA 2017