O congreso “Galicia, Atlantic Destination” reúne en Baiona a clubs náuticos de toda Europa

FOTO: ROSANA CALVO // Presentación oficial do Galicia Atlantic Destination no Monte Real Club de Yates.

Representantes de máis de 20 clubs e asociacións náuticas europeas participarán a partir deste venres e ata o domingo en Baiona no “Galicia, Atlantic Destination”, un congreso que pretende dar a coñecer o potencial da comunidade galega para atraer a este tipo de visitantes.

Organizado por Turismo de Galicia, Portos de Galicia e o Monte Real Club de Yates coa colaboración do Concello de Baiona, o evento incluirá conferencias, charlas, mesas redondas e workshops no Parador Nacional de Baiona, e un percorrido turístico por distintos puntos da ría de Arousa.

O “Galicia, Atlantic Destination” é o primeiro congreso de turismo náutico europeo que se celebra no país e nel abordarase a situación actual dun sector que rexistrou un importante crecemento nos últimos anos e que neste 2017 xa xerou en Galicia un volume de negocio duns 2 millóns de euros.

Así o destacou esta mañá na presentación do evento o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, ao poñer sobre a mesa uns datos que revelan a importancia que este tipo de turismo ten para Galicia. “Nos últimos 5 anos -dixo Durán- pasamos de 7.000 embarcacións en tránsito en 2013, ás preto de 9.000 que se rexistraron xa neste 2017”.

O aumento, próximo ao 30%, adquire unha maior importancia ao coñecerse o volume de negocio que xera, non só para os portos de destino, senón tamén para o sector náutico auxiliar, hostalería, restauración e servizos. As cifras, presentadas polo máximo responsable dos portos galegos, revelan que o gasto medio por pernoita móvese entre os 200 e 500 euros. “Temos ante nós un potencial de mercado extraordinario que non queremos nin podemos deixar escapar”, concluíu Durán.

Nesa mesma idea incidiu o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez. Dixo que “impulsar o turismo náutico é un reto de futuro que hai que asumir para seguir avanzando na xeración de riqueza, emprego e benestar”, e que ese foi o principal motivo polo que propuxeron a idea do “Galicia, Atlantic Destination”. Destacou, ademais, o feito de que o congreso se celebre en Baiona, líder na recepción de tránsitos en Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, cualificou o evento como “unha gran oportunidade para situar a comunidade galega como referente europeo en turismo náutico”. Neste sentido lembrou a aposta por alcanzar a excelencia por parte dos profesionais do sector náutico en Galicia, como así o testemuña o feito de que, de cada 10 instalacións náutico-deportivas coa Q de Calidade que existen en España, 6 estean en Galicia.

Na presentación oficial do evento, celebrada esta mañá no Monte Real Club de Yates, tamén participaron o alcalde e a concelleira de turismo de Baiona, Ángel Rodal e Beatriz González; e o vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza.

O “Galicia, Atlantic Destination” dará comezo o vindeiro venres ás 10 da mañá no Parador Nacional de Baiona coa inauguración oficial do congreso por parte das autoridades. Media hora máis tarde celebrarase a primeira mesa redonda, titulada “Galicia e o turismo náutico”; e a partir do mediodía falarase de “Proxectos de desenvolvemento do turismo náutico”. Pola tarde será a quenda dos workshops e sesións de traballo en grupo; e o sábado a actividade desprazarase ata a ría de Arousa, onde está programado un percorrido turístico.

Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Irlanda, Países Baixos, Portugal e Reino Unido son algúns dos países de orixe dos 22 clubs e asociacións que participarán no evento.

PRESENTACIÓN OFICIAL DO GALICIA ATLANTIC DESTINATION NO MONTE REAL CLUB DE YATES
FOTO: ROSANA CALVO // Presentación oficial do Galicia Atlantic Destination no Monte Real Club de Yates.