Dúas persoas trasladadas a Povisa tras unha explosión nunha casa de Baiona

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas despois de que unha bombona estourase no interior dunha casa de dous andares, en Baiona. Segundo a información recollida no 112 Galicia, unha das persoas foi trasladada ao Hospital Povisa, ao sufrir queimaduras. Por outra banda, a outra persoa tamén foi evacuada ao mesmo centro médico por mor dun estado de nerviosismo.

O estalido provocou un incendio por escape de gas, que deixou unha habitación calcinada por completo. Ademais, a estrutura da primeira planta quedou totalmente afectada. Os feitos sucederon no lugar da Igrexa, na parroquia de Baíña, ao fío das catro e cuarto desta tarde. A esa hora, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar da explosión.

De xeito inmediato, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Baixo Miño, do GES do Val Miñor, da Garda Civil e da Policía Local.