Gondomar destina 7.000 € a bolsas de formación para que 20 mozos obteñan o título de ESO

O Concello de Gondomar investirá 6.960 euros para que 20 mozos do municipio maiores de 18 anos poidan graduarse este curso en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). “A iniciativa, que se desenvolverá baixo o lema ‘Dá o primeiro paso para mellorar o teu futuro, obtén a ESO’, supón unha clara aposta do goberno local por un ensino homologado de calidade, que contribúa a mellorar a formación e a competitividade laboral de persoas novas e non tan novas que por distintas circunstancias non tiveron oportunidade de obter esta titulación no seu momento”, precisou o alcalde.

O rexedor argumentou que na conxuntura socio-económica actual o título de ESO é imprescindible para acceder ao mercado laboral. “Non podemos esquecer que a educación é o motor que axuda a mellorar o futuro das persoas e un dereito que funciona como instrumento de mobilidade social, que axuda a superar barreiras tanto económicas como sociais e facilita o desenvolvemento integral das persoas”, apuntou Ferreira.

Nesta liña de apoio á educación homologada de calidade, e para unha segunda fase o Concello de Gondomar baralla impulsar unha iniciativa similar destinada a persoas maiores de 25 anos que desexen preparar o acceso á universidade. “De momento, imos formar un grupo de mozos e mozas para que poidan presentarse ás probas da ESO, cunha formación que será bolseira ao 100% polo Concello de Gondomar”.

As clases comezarán o próximo mes de novembro e concluirán en abril de 2018. O alumnado recibirá competencias nos ámbitos científico, social e lingüístico. O curso consta de seis horas lectivas presenciais á semana, distribuídas en dúas sesións con titor e seguimento personalizado. Ademais faráselles entrega do material de apoio necesario para que poidan preparar os exames.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 3 de novembro. Pódese descargar na web municipal: www.concellodegondomar.gal ou recollela na OMIX. Deben achegar unha fotocopia do DNI e do volante de empadroamento e presentar toda documentación no Rexistro do Concello de Gondomar. Máis información na OMIX de Gondomar ou en teléfono: 986.369.746.

Anuncios