Ábrese o novo prazo dun mes para presentar alegacións ao Plan das Costeiras

O Diario Oficial de Galicia, concretamente o DOG 201, publicaba onte o novo prazo dun mes para que todos os veciños que así o desexen poidan presentar as súas alegacións ao Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas das Costeiras.

A iniciativa do goberno local ten como obxectivo facilitar a presentación de todas as argumentacións e recoller todas as opinións posibles respecto do novo documento.

A Xunta de Goberno do Concello de Baiona, en sesión do 14 de setembro de 2017, aprobou a apertura dun novo prazo para as alegacións do Plan Especial As Costeiras. Tal e como marca a lei, a medida debía ser publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que tras a publicación de onte, ábrese un novo prazo de exposición ao público dun mes contando desde hoxe mesmo.

Á vista do importante volume de alegacións presentadas nos últimos días e a pesar de estar aberto o prazo durante dous meses, o goberno local pretende facilitar aos veciños a súa participación no documento ampliando o prazo en trinta días máis.

“Volvemos abrir o prazo para facilitar a presentación das alegacións, o que queremos é que se presenten cantas máis mellor para enriquecer o documento”, explica o alcalde.

Tras a aprobación inicial en Xunta de Goberno o pasado mes de xuño, o Plan das Costeiras foi sometido durante dous meses (o prazo finalizou o día 14 de setembro) a exposición pública para recibir alegacións e solicitar informes sectoriais. Posteriormente, a Xunta de Goberno deberá dar a súa aprobación provisional e sería o Pleno Municipal o que votaría a aprobación definitiva.

Anuncios