A Xunta lembra a importancia de que sexan os técnicos os que determinen os traballos a levar a cabo sobre os terreos queimados

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Ángeles Vázquez visitou hoxe o centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán para coñecer os estudos prácticos que se están levando a cabo co fin de determinar as accións a desenvolver sobre terreos queimados. Neste senso, os expertos insisten en que teñen que ser os técnicos especialistas os que concreten as medidas para evitar consecuencias negativas sobre os montes.

“As actuacións requiren análises complexas dos solos que teñen que ser desenvolvidas polos técnicos”, explicou a conselleira, e apelou a que nin os particulares nin asociacións actúen por libre polo risco que implica para os terreos afectados. Así, é preciso determinar o tipo de solo e outras variantes previamente.

Ángeles Vázquez sinalou que, tras a reunión de onte na que se valoraron tecnicamente as consecuencias da vaga de lumes, toca “poñernos a traballar” sobre o terreo e, nese sentido, recalcou que as accións comezarán polos 32 lumes que este ano superaron as 300 hectáreas, entre os que están tanto os incendios da última vaga como do resto do exercicio.

“Galicia ten que saber que temos un centro de investigación punteiro como o de Lourizán, que investiga durante todo o ano e tamén en situacións como as actuais”, declarou a titular de Medio Rural, e indicou que será en base aos seus estudos que se determine agora o xeito de intervir. Precisamente por iso, a Xunta coordinará e liderará o camiño a seguir e pretende evitar accións illadas como o espallamento palla polo monte, algo que pode implicar un risco de incendio maior segundo as condicións meteorolóxicas, ou as plantacións aleatorias, xa que son poucos os xenotipos locais que existen no mercado e, polo tanto, quérese evitar a hibridación e a polución xenética.

Medio Rural apela á colaboración de concellos e outras administracións e entidades, pero sempre de xeito organizado e liderados por equipos como os de Lourizán que “levan anos traballando para Galicia”.

Exportando coñecemento

Durante a súa visita a Lourizán, a conselleira sinalou tamén que as técnicas que se levan a cabo neste centro son tan avanzadas que especialistas doutros lugares acoden para coñecelas. En concreto, Ángeles Vázquez declarou que a semana pasada investigadores de Portugal estiveron no centro para coñecer os avances en Galicia. “E dende logo vaise ceder toda a información precisa”, indicou a responsable de Medio Rural.

Anuncios