A Xunta explica aos concellos do Val Miñor as axudas e medidas activadas para paliar e reparar os danos dos lumes

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, trasladouse hoxe ata os concellos de Gondomar e Nigrán, tras visitar o mércores Baiona, para explicar aos concellos do Val Miñor afectados pola vaga de lumes o paquete de axudas e medidas postas en marcha polo Goberno galego para paliar e reparar os danos dos incendios forestais. Xunto aos alcaldes das devanditas localidades achegouse ata as zonas máis danadas. Unha rolda de contactos que continuará mañá en Salvaterra, Fornelos de Montes, Soutomaior e Redondela.

Xa durante a fin de semana da vaga de lumes, o delegado serviu de enlace coa Xunta aos concellos que resultaron máis afectados polos incendios, en contacto permanente con todos os alcaldes da área. Así mesmo, unha vez extinguidos mantivo o contacto para interesarse polas necesidades máis urxentes e informarlles puntualmente das accións activas desde a Administración autonómica.

Da folla de ruta marcada polo Goberno galego, cuxas labores centráronse primeiro en extinguir os incendios para de contado apoiar os damnificados, dá conta o Decreto marco de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados aprobado o pasado 19 de outubro.

Neste senso, a Xunta anunciou xa que habilitará nos vindeiros días axudas para a recuperación das vivendas afectadas e para pagar o alugueiro do realoxo temporal noutro inmoble.

Cando as axudas teñan por finalidade a recuperación da vivenda habitual, poderán cubrir ata o 100% do custo das obras de reparación, chegando a preto de 100.000 euros. O límite máximo do importe da axuda será o 75% do valor establecido para as vivendas protexidas no municipio correspondente.

As axudas á rehabilitación de vivendas afectadas polos lumes poderán solicitarse tamén para a reparación de vivendas ocasionais (40.000 euros, aproximadamente), construcións anexas á vivenda principal e enxoval doméstico (3.000 euros en ambos os dous casos), que serán complementarias das posibles compensacións que paguen as aseguradoras. Ademais, cubrirán as obras de reparación mesmo aínda que se teñan iniciado antes da apertura do prazo para solicitar a as axudas.

Recuperación dos terreos

Por outra banda, tal e como informou onte a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, os técnicos de diferentes departamentos da Xunta empezarán esta semana a traballar para avaliar a situación dos incendios forestais e planificar as medidas necesarias de actuación sobre os terreos, co fin de evitar o arrastre de cinzas e favorecer a recuperación da vexetación, así como o control da calidade da auga. Segundo explicou, daráselle prioridade aos lumes que afectaron máis de 300 hectáreas, sen descoidar outros de menor extensión pero que afectaron zonas sensibles.

En paralelo, cómpre lembrar que a Xunta está a traballar nun Plan de reforestación das zonas afectadas.

Anuncios