Coia acolleu este domingo a quinta edición da carreira “Vigo Contra el Cáncer. Un total de 3.618 inscritos estaban citados na proba anual da asociación viguesa pero, como sempre, foron moitos máis o que decidiron acompañarlles. Máis de 5.000 persoas gozaron dunha xornada de loita contra o cancro. O tempo acompañou e ninguén llo quixo perder.
Pouco antes das 9 da mañá comezaban a chegar á zona de “Os Volcáns”, en Coia, os participantes das probas para recoller o seu dorsal e comezar a gozar das actividades que acompañaron á carreira.
Iván Roade Lago (C. A. Bikila) foi o primeiro en cruzar a liña de meta na proba de 10 km, que ademais de ser cronometrada con premios por categorías, está incluída no programa municipal de carreiras Run Run Vigo, polo que tamén estaba en xogo o posto no circuíto. O corredor nigranés fíxose co primeiro posto cun tempo de 30:28, un primeiro posto ao que estaba afeito xa Daniel Bargiela (C. A. Bikila), terceiro en chegar a meta nun tempo de 32:00. O segundo clasificado foi Gonzalo Basconcelo (RC Celta de Atletismo). En categoría feminina, milésimas de segundo separaron á gañadora, Ana Alonso (CSCR Beade), de Alice Finot (Club de Atletismo Feminino Celta), cruzando a meta en 38:47. A terceira clasificada foi Sara Castelo, en 39:37.
Finalizadas todas as probas a entrega de premios levouse a cabo ás 12:15 e puxo o broche final á xornada, nela, os nenos da Asociación Bicos de Papel (asociación de axuda aos nenos de Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro) foron os encargados de entregar os trofeos e as medallas aos premiados. Rodeados de cámaras e aplausos, foi un momento especial para os pequenos, e moi emotivo para os presentes.


