Nigrán festexa o “Día Internacional da Biblioteca” cun contacontos

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán festexa mañá o “Día Internacional da Biblioteca” co contacontos de Raquel Queizás “Romaría” ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal (entrada de balde ata completar aforo). Trátase dunha narración oral de 50 minutos con música, teatro e danza dirixido a cativos a partir de 3 anos. Queizás achega aos nenos ao mundo rural e antigo, descubríndolles á maioría un modo de vida descoñecido. Queliña, unha nena de aldea, ten que rematar de apañar as patacas para que a deixen ir á romaría. Alí quedou cos amigos para brincar, bailar e facer carreiras de sacos. Cara á tardiña, antes de que remate a festa, todos os rapaces buscan a avoa Tareixa para que lles conte lendas, lendas para perder o medo. Á velliña xa lle falla a memoria e é moi despistada, pero as historias que escoitou de nena, esas, non as esquece: lendas de mouras encantadas en fontes, historias de sacos que cantan e lendas que seguen mantendo os nenos atentos, abraiados, coa boca aberta, escoitando cómplices.