Ferreira reclama á Xunta fío directo dos alcaldes cos responsables de emerxencias en caso de catástrofes

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Paco Ferreira, Carmela Silva e Abel Caballero na rolda de prensa posterior á reunión.

O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, reclamou este luns á Xunta de Galicia que impulse a creación dun protocolo de coordinación de emerxencias cos Concellos de Galicia para evitar situacións de falta de resposta e/ou información como as que viviron os alcaldes durante a vaga de incendios do pasado fin de semana. “Os alcaldes temos que ter liña directa cos responsables de emerxencias autonómicos. A nosa vía de comunicación non pode ser o 112, que ademais estaba colapsado”, indicou. No caso de Gondomar, o alcalde estivo a chamar constantemente ao 112 pero alí “estaban desbordados pola situación e loxicamente non podían facilitarnos información en tempo real nin darnos directrices nin moito menos dicirnos que medios humanos ou técnicos podían acudir a Gondomar a prestarnos axuda”, corroborou. Engadiu que ante unha emerxencia como a do pasado fin de semana, as liñas telefónicas colápsanse e “non é lóxico que dez ou quince alcaldes de distintos municipios afectados estean a chamar continuamente ao 112, un servizo que ademais estaba completamente desbordado e saturado e onde había momentos que mesmo non podían coller o teléfono”.

Por esta razón reclamou que se habilite na sede da Academia Galega de Seguridade, (onde está situada a central de emerxencias do 112) un posto de control para estes casos, onde os alcaldes ou membros de corporacións locais que se atopen á fronte dunha situación de emerxencia como incendios, inundacións, accidentes de tráfico ou continxencias que poñan en risco a vida da poboación, teñan acceso directo para coñecer con que medios poden contar. “Aquí non houbo ningunha autoridade que indicase o que había que facer ou que marcase unhas pautas de actuación. A Comunidade autónoma ten infraestruturas suficientes para evitar que algo así volva pasar. O único que hai que facer é activalas, mesmo coordinalas coa Delegación do Goberno en Galicia e coas Subdelegacións do Goberno nas catro provincias”.

O alcalde de Gondomar, que participou este luns na reunión informativa convocada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, con alcaldes de municipios afectados polos incendios, asegurou que “probablemente teriamos unha resposta distinta, eficaz e máis próxima ao territorio se a área Metropolitana estivese constituída, como pretendiamos os alcaldes que criamos nela, xa que unha das súas competencias era precisamente a coordinación en materia de extinción de incendios, policía e seguridade”. Neste sentido lembrou que unha das comisións previstas dentro da nova área era a de Seguridade e extinción de incendios e previsión de catástrofes.

Anuncios