Esta semana empezarán os traballos para a recuperación do terreo e evitar a súa erosión tras os lumes

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Incendio en Baiona.

Técnicos de diferentes departamentos da Xunta empezarán esta semana a traballar para avaliar a situación dos incendios forestais e planificar as medidas necesarias de actuación sobre os terreos, co fin de evitar o arrastre de cinzas e favorecer a recuperación da vexetación, así como o control da calidade da auga. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, explicou que se lle dará prioridade aos lumes que afectaron máis de 300 hectáreas, sen descoidar outros de menor extensión pero que afectaron zonas sensibles.

Todos estes traballos forman parte da actuación integral da Xunta fronte a vaga de lumes, que tal como explicou a conselleira centrouse nun primeiro momento en extinguir os incendios para de contado apoiar os damnificados mediante liñas de axudas específicas e que agora se enfocan no territorio e o medio natural, para protexelo e fomentar a súa recuperación.

A titular de Medio Rural presidiu a mesa de coordinación de accións técnicas post-incendios, como primeiro paso na toma de decisións técnicas trala vaga de lumes. Nela participaron preto de 40 persoas pertencentes a distintas consellerías. Así, ademais de Medio Rural, con responsables do servizo de prevención e extinción de incendios, de fomento forestal e das catro provincias galegas, tamén houbo persoal da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; de Medio Ambiente con portavoces de Augas de Galicia; e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Tamén acudiu persoal da Consellería de Sanidade, de Política Social e do Mar, así como representantes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A maiores, participou o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García.

A conselleira destacou, tras este encontro de traballo, a importancia de coordinar a información sobre o sucedido e a actuación posterior, para optimizar os esforzos de todos os axentes implicados. Trátase, engadiu, de “reforzar a coordinación e evitar a improvisación”. Neste sentido mencionou en particular aos concellos, que segundo dixo teñen un papel fundamental –ademais do da propia Xunta– nestas tarefas de recuperación e agradeceu por iso a presenza neste encontro do presidente da Fegamp.

Técnicas de protección

Ángeles Vázquez sinalou que, entre outras medidas, estudarase o uso de técnicas de protección do chan como o mulching ou o helimulching (utilizar unha cobertura de palla nas zonas queimadas, para evitar arrastres), así como a instalación de barreiras e mesmo de mallas de xeo-téxtil en áreas a carón do mar, para protexer os bancos marisqueiros. Ademais, a titular de Medio Rural dixo que nos traballos técnicos participarán expertos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, que coordinarán os estudos preceptivos para determinar as zonas e medidas de actuación.

Anuncios