Dura derrota a cultivada polo Cereixa Gondomar FS en casa do líder nun partido parello que os locais desnivelaron sobre o final.
O Cereixa FS chegaba con ganas de cortar o refacho de vitorias do recentemente ascendido e atopouse cun equipo moi traballado, que imprimiu un alto ritmo ao partido e que fixo que os de Gondomar tivesen que dar a súa mellor versión para sacar algo positivo. Pois ben, os xogadores aceptaron o reto e fixeron unha gran primeira metade chegando ao descanso en vantaxe despois do golazo de Alejandro Penedo Fernández tras xogada de estratexia (0-1).
Descanso e xogadores a vestiarios.
O resultado era curto para o visto na pista, o local movía e movía pero apenas creara perigo. A férrea defensa do Cereixa FS desconectara todos os circuítos de elaboración do Vigo 2015.
Na continuación o guión foi o mesmo, os de Gondomar ben plantados non daban opción ao local e dispuxeron de dúas ocasións para ampliar o marcador pero a sorte foi esquiva. No tramo final e cando o electrónico marcaba 7 minutos para o final, o local atopou o empate nunha xogada embarullada que acabou co balón dentro da portería tras un punterazo cruzado.
Isto deu ás aos locais que creron na remontada e sementou de dúbidas ao Cereixa FS que cometeu dous erros non forzados para tirar pola borda o bo traballo de 33 minutos de partido (3-1). Xa no final e co equipo derrubado chegou o 4-1 co que se pechou o partido.
Resultado avultado para un partido parello no que os de Gondomar dominaron 3/4 partes pero que cometeron graves erros no final custaron os 3 puntos.

