Anuncios
Ticker de novas

Mª José Pino: “Os máximos culpables son as persoas con facho en man que invadiron a nosa terra”

Mª José Pino, presidenta do Partido Popular de Nigrán, remitiu un comunicado tras os incendios que arrasaron o pasado domingo as parroquias de Chandebrito, Camos e Parada.

O Partido Popular de Nigrán sente impotencia co sucedido o pasado domingo. Sabemos que nestes momentos ningunha palabra é suficiente. O escenario é desolador. Afortunadamente, o nerviosismo acougouse, as choivas sufocaron os focos que aínda estaban activos.

Nestes momentos de escuridade, admiramos a valentía coa que fixemos fronte ás chamas. A exemplaridade coa que defendemos xuntos o que é noso. Todos de xeito conxunto tentamos salvagardar as nosas casas e a nós mesmos. Porque neses momentos todos eramos un mesmo.

E agora xa afogados os medos de perdelo todo e nalgún caso de perdelo espertámonos do pesadelo e o cheiro a cinza lémbranos o crueis que foron.

“Foron”, personalizamos a crueldade porque afirmamos rotundamente que existía a intención. As súas intencións lamentablemente cobraron a vida de dúas veciñas de Nigrán, Maximina Iglesias e Angelina Otero, desde o Partido Popular mostramos o noso máis sincero pésame ás familias.

Nos incumbe a nós e ao noso goberno atopar aos culpables e seremos rigorosos e estritos nesa tarefa. Non soamente castigaremos a intención se non tamén queremos desvelar cal foi a súa motivación.

Certo é que debemos esforzarnos nas medidas preventivas, certo tamén que debemos complementar accións ao redor da protección, pero non desviemos a mirada porque os máximos culpables son as persoas con facho en man que invadiron a nosa terra.

O Partido Popular de Nigrán mostra cooperación absoluta con outras administracións para restablecer vivendas e naves arrasadas polo lume, e poñémonos a total disposición dos nosos veciños para calquera axuda que lle podamos ofrecer. Informámoslles que existen empresas que de maneira altruísta ofrecen os seus servizos ás vítimas do lume, en caso de querer coñecer a listaxe esta semana a Sede permanecerá aberta.

Anuncios