A Xunta achega preto de 19.000 € a Baiona para o equipamento da biblioteca municipal

O Concello de Baiona é un dos 53 beneficiarios das axudas da Consellería de Cultura e Educación para a adquisición de equipamento e a mellora das instalacións da rede de equipamentos culturais de Galicia. A resolución desta liña de subvencións, dotada con 500.000 euros, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia.

As contías das axudas, que van desde os 485,52 ata os 20.129,73 euros, están destinadas a apoiar o financiamento dun total de 55 proxectos en espazos nos que se vén desenvolvendo unha programación estable de actividades culturais (bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc), entre os que se inclúen actuacións para a supresión de barreiras arquitectónicas e mellora da accesibilidade, adquisición de equipamento audiovisual, compra de material escénico e iniciativas de acondicionamento acústico.

O Concello de Baiona recibirá 18.581,29 €, que irán destinados ao equipamento da nova biblioteca municipal, que abrirá de novo proximamente tras a rehabilitación integral do antigo hospital Sancti Spiritus.

Mellora da rede de equipamentos culturais

Co fin de acondicionar a rede de equipamentos culturais de Galicia e de adaptala ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta cultural estable, diversa e de calidade, a Consellería de Cultura e Educación vén convocando anualmente esta liña de axudas pública, en réxime de concorrencia competitiva, dirixida aos concellos, ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, e agrupacións de concellos.

Anuncios