Sin categoría

A Deputación de Pontevedra aproba a adxudicación do contrato de xestión de “Tecendo Lazos”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación mediante procedemento aberto do contrato para levar a cabo a xestión, desenvolvemento e execución do programa provincial Tecendo Lazos. Unha vez informado do resultado da cualificación da documentación entregada acordouse a adxudicación do devandito contrato á empresa “Formagal, formación e servizos”, que propuxo unha oferta cun prezo unitario por actividade de 847€ (IVE incluído).

O programa “Tecendo Lazos” está destinado a concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia e ten como finalidade desenvolver diferentes actividades a través das que se poñen en contacto ás distintas xeracións favorecendo as relacións individuais, familiares e comunitarias entre as persoas participantes. Con este tipo de actividades búscase levar a cabo un intercambio de recursos e aprendizaxes entre diferentes xeracións que poderán compartir os seus talentos.

En canto a esta edición de 2017 son 29 os concellos que se adheriron o proxecto, 4 máis que no 2016, cando 501 persoas participaron nos 25 obradoiros organizados. O prazos de inscrición para participar nestas actividades, que terán lugar durante o último trimestre de ano, continúan abertos para 14 dos obradoiros programados. Todos os obradoiros do programa promovido pola Deputación de Pontevedra terán unha duración de 16 horas e neles poderán participar entre 10 e 30 persoas.

Os concellos puideron escoller entre cinco temáticas de obradoiros diferentes: “Risos en familia”, “O noso son”, “Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia”, “Faino ti mesmo” e “Rastrexos”. Como novidade deste ano, todos os obradoiros do programa “Tecendo Lazos” levan incorporado o módulo, “A historia do meu concello”, no que os e as participantes recompilarán as historias, lendas, contos e fotografías dos seus concellos. Ademais, elaborarán un traballo (en formato papel ou audiovisual) con todo o material que recompilen e poderán presentarse a un concurso no que a Deputación de Pontevedra premiará o mellor traballo. O premio consistirá nun catálogo de produtos ademais de 50 copias do traballo gañador.