Gondomar achega a ciencia aos máis novos cun museo científico

A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar organiza do 3 ao 5 de novembro un museo científico, co obxectivo de achegar á mocidade a ciencia e estimular o gusto polo saber científico.

Todo o que se anime a participar desta actividade poderá ver, explorar, tocar e espertar a súa curiosidade guiado pola man de profesionais que achegarán explicacións sinxelas a preguntas como por que flota un barco?, por que voa un avión?, como se mergulla un submarino?, a comprensión do funcionamento de certos obxectos, etc.

Con esta actividade os participantes chegarán á conclusión de que a ciencia está ao seu alcance e romperanse as barreiras da incomprensibilidade.

Baixo o lema “Prohibido non tocar”, poñerá a disposición dos máis novos un museo científico con máis de 70 obxectos que lles achegarán a ciencia dunha maneira atractiva, interactiva e práctica.

Para participar hai que chamar á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) no 986 369 746 e inscribirse.