Baiona amplía o prazo de inscrición do obradoiro interxeneracional “Fotografías para o recordo”

O Concello de Baiona amplía o prazo de inscrición para o obradoiro interxeneracional “Fotografías para o recordo”, organizado xunto coa Deputación de Pontevedra dentro do programa Tecendo Lazos.

Tecendo Lazos é un programa de ocio e tempo libre coa finalidade de reforzar os lazos afectivos entre distintas xeracións. Poderán participar neste obradoiro membros da mesma familia; pais e fillos, avós e netos, tíos e sobriños, etc. de entre os 10 e os 99 anos.

Os interesados poden apuntarse coa súa familia, levar a súa cámara de fotos e pasar un momento divertido cos que máis queren. Faranse saídas guiadas para coñecer o patrimonio cultural de Baiona a través da fotografía antiga.

A actividade terá lugar do 28 de outubro ao 9 de decembro, os sábados en horario de 10:00 a 12:30 horas, no Centro Multiusos Ángel Bedriñana de Baiona. A actividade é totalmente gratuíta.

Máis información e inscricións na Omix, ou no teléfono 986 385 925, ata o 18 de outubro.