O vento de Ontur pon a proba este xoves ao Vigo-Rías Baixas

Cinco días despois de asinar a mellor actuación da súa historia nunha proba da Copa de España Elite e Sub-23, o Vigo-Rías Baixas cambia as montañas guipuscoanas polas planicies manchegas. A estrutura presida por José Luis Chamorro disputará este xoves na provincia de Albacete o G.P. Primavera de Ontur, cuarta xornada puntuable para o certame estatal. O vento poñerá a proba ao bloque de escaladores que dirixe Gorka Beloki.

A actuación do pasado domingo na Aiztondo Klasikoa, con tres representantes entre os once primeiros clasificados, catapultou ao conxunto olívico nos ránkings da Copa de España. Samuel Blanco ocupa a décima posición na xeral e dous postos por detrás do redondelán aparece o estremeño Carlos Cobos. Na táboa por equipos o Vigo-Rías Baixas ascendeu ata a cuarta praza.

Cinco integrantes de aliñación que brillou en Euskadi repetirán en terras albaceteñas: Sergio Álvarez, Gabriel Ochando, Sebastián Moya, Blanco e Cobos. As novidades no ‘sete’ rosa serán Víctor Hernández e Julián Barrientos, que vén de render a gran nivel durante a fin de semana en Zamora. A ciclista elite arxentino logrou a segunda posición o sábado no Trofeo Concello de Zamora e a novena o domingo no Trofeo San José, dúas citas que forman parte do calendario da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

O G.P. Primavera celebra a súa 66ª edición, pero por primeira vez puntúa para a Copa de España. O seu percorrido aumenta a variedade do certame estatal, incorporando unha carreira que se adapta aos ciclistas que mellor se defenden no chairo. Se o vento fai acto de presenza, o risco de ‘abanicos’ pode ser constante.

Ás 10:00 horas os corredores empezarán a pedalear nos 156 quilómetros con saída e chegada en Ontur. O perfil desta clásica presenta dúas ascensións puntuables de terceira categoría, os altos de La Muela e da Galera. A cima do segundo coróase a 22 km da liña de meta.

Anuncios