O Xulgado de Instrución de Vigo autorizou este mércores o enterramento das dúas mulleres falecidas o pasado domingo no incendio rexistrado na parroquia de Chandebrito, en Nigrán, tras concluírse os trámites forenses.
As dúas mulleres, Angelina Otero de 78 anos e Maximina Iglesias de 86, perderon a vida cando trataban de escapar das chamas, xunto cunha veciña, nunha furgoneta. Os seus corpos calcinados apareceron no interior do vehículo, nunha pista entre Chandebrito e Camos.
Os funerais celebraranse este xoves ás 18:00 horas na Igrexa de Chandebrito. Ás 17:30 sairá a comitiva fúnebre do Tanatorio do Miñor, en Sabarís.

