Pedro Sánchez anuncia en Chandebrito que pedirá activar o Fondo de Solidariedade Europeo

FOTO: PSOE // Visita de Pedro Sánchez a Chandebrito.

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, anunciou hoxe na súa visita a Chandebrito, en Nigrán, que o xoves pedirá ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, durante o encontro que ambos manterán en Bruxelas, “que se active o Fondo de Solidariedade Europeo para con Galicia, Asturias e Castela e León” que permita trasladar recursos financeiros a estas comunidades afectadas pola vaga de incendios que están a sufrir estes días.

Sánchez, que estivo acompañado por Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdG, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e os alcaldes de Nigrán e Gondomar, Juan González e Paco Ferreira, subliñou que o obxectivo da súa visita a Galicia era, en primeiro lugar, “estar coa xente” que sufriu as consecuencias destes incendios “para trasladarlles a nosa solidariedade, o noso agarimo e o noso respecto e, por suposto, o compromiso do PSOE para que isto non volva suceder, ou polo menos tente evitarse coa magnitude coa que se viviu durante estas xornadas”.

Ao seu xuízo, hoxe é día de “tentar sufocar os incendios que aínda está a sufrir Galicia, de ver exactamente cales coas causas, de estar cos familiares, cos veciños e veciñas” e a partir de aí- dixo- “hai que ser cautos na esixencia de responsabilidades políticas”. Neste sentido, sinalou que “os socialistas non imos facer o que fixo o PPdG e en concreto o presidente da Xunta cando era líder da oposición co goberno de Touriño” e “imos ser leais, sobre todo co país e coa sociedade galega”.

En calquera caso, apuntou que o PSOE leva moito tempo denunciando “a falta de políticas de prevención por parte do Goberno de España respecto dos incendios e a carencia absoluta dunha estratexia nacional de loita contra os incendios forestais, que debería ter como principal propósito a ampliación de recursos, a ampliación de políticas preventivas, e recuperar a estratexia de desenvolvemento rural”. Ademais, Sánchez avogou por “reconstruír boa parte da lexislación básica que foi desmantelada durante estes últimos anos por parte do goberno do PP, singularmente a Lei de Desenvolvemento Rural que puxo en pé un goberno socialista e tamén a Lei de Montes”.

O secretario xeral anunciou que o PSOE vai levar todas estas cuestións ao Congreso dos Deputados e que pediu a comparecencia da ministra de Agricultura e Medio Ambiente “para saber exactamente que pensa sobre esta situación, cales van ser os mecanismos de resposta que se van a poñer en marcha para resolver esta crise e, sobre todo, para previr que isto non volva ocorrer”, concluíu.

Anuncios