Segundo informa a Consellería do Medio Rural, foi decretada a Situación 2 no incendio forestal de Nigrán, concretamente na parroquia de Parada. O lume afecta tamén as parroquias de Camos e Chandebrito, e tívose que reacoller a ao redor dun milleiro de persoas, aínda que puideron controlarse as chamas nas proximidades dunha pirotecnia situada en Camos.
A maioría de veciños afectados optaron por trasladarse a segundas vivendas ou a domicilios de familiares, e varias decenas instaláronse no Pavillón de Panxón, ata onde se achegaron numerosas persoas para levar auga, comida e mantas. Tamén se habilitou a Residencia de Tempo Libre de Patos.
En Baiona, un gran incendio rodeou o centro urbano e segue en áreas como Baíña, no barrio da Anunciada e nas proximidades da Virxe da Rocha. Así mesmo, as chamas arrasan a zona arborizada que rodea a Fortaleza de Monte Real.
En Gondomar foron evacuados centos de veciños da zona de Vincios pola proximidade das chamas, e a Autoestrada do Val Miñor, a AG-57, permanece pechada o tráfico en ambos os dous sentidos.
Tanto en Nigrán, na Casa da Cultura de Camos, como en Baiona, no Pavillón Municipal de Deportes, instaláronse senllos hospitais de campaña para atender, se fose preciso, a afectados por queimaduras ou inhalación de fume.




























