O lume non dá tregua en Baiona e Gondomar

Galicia está a sufrir nas últimas horas unha elevada actividade incendiaria, con clara intencionalidade e virulencia, de forma que se rexistraron ata 80 incendios na nosa comunidade desde o día de onte. Ademais, hai incendios en Portugal que están preto da fronteira con Galicia e que obrigan aos medios da nosa comunidade a multiplicar os seus esforzos para evitar que nos afecten. Xunto co reforzo dos traballos de extinción, estase a intensificar a vixilancia policial nos diferentes puntos, para atallar a actividade incendiaria.

Só desde as 12:00 horas deste domingo houbo un total de 25 lumes, que se suman aos 55 contabilizados onte. A Xunta e o Goberno Central están a mobilizar unha inxente cantidade de medios humanos e materiais para facerlle fronte. Así, traballan arestora na loita contra os incendios unhas 350 brigadas, 220 motobombas, 40 pas e unha vintena de medios aéreos. Ademais, nas tarefas de extinción colaboran uns 160 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), apoiados con 18 autobombas e 6 nodrizas. En camiño veñen outros 100 efectivos. Ademais, están mobilizados efectivos da Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local e Protección Civil.

No sur da provincia de Pontevedra o lume non deu tregua e o fume tinguiu esta mañá toda a Ría de Vigo. Arestora en Gondomar está activo un incendio que afecta a máis de 20 hectáreas na parroquia de Morgadáns e que comezou ás 2:58 desta madrugada. Alí traballan 3 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas, 2 avións e 1 helicóptero, e se acaba de decretar a Situación 2 pola proximidade do lume ás casas. Algúns accesos están cortados ao tráfico e o fume mesmo comeza a afectar a autoestrada entre Vigo e Baiona.

Precisamente en Baiona ás 7:43 volveu activarse o incendio declarado na Virxe da Rocha. O lume ameazaba esta mañá con chegar ao Hotel Rompeolas e o IES Primeiro de Marzo situados nas proximidades. Nestes momentos traballan na súa extinción 2 axentes, 2 brigadas, 5 motobombas e 1 avión.

Anuncios