Decretada a Situación 2 en Gondomar e Baiona pola proximidade das chamas ás vivendas

A situación creada pola elevada actividade incendiaria levou á Xunta e ao Goberno Central a redobrar os esforzos para facerlle fronte. Desde o Centro de Coordinación Central -no que esta tarde estivo o propio presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo- supervísase o traballo de 350 brigadas, 220 motobombas, 40 pas e unha vintena de medios aéreos, contando os propios da Xunta e os que aporta o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Ademais, foron mobilizados máis de 200 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), apoiados con 18 autobombas e 6 nodrizas. Na loita contra os incendios tamén participan efectivos dos corpos e forzas de seguridade do Estado (Policía Autonómica, Garda Civil, Policía Local) e de Protección Civil.

A Consellería do Medio Rural vén de informar da situación dos lumes forestais que superan as 20 hectáreas de afectación con datos recollidos ata as 19:30 h. de hoxe. En Gondomar foi decretada a Situación 2, como medida preventiva, pola proximidade do lume aos núcleos de Morgadáns e Vincios, onde xa foron desaloxados centos de veciños e as chamas xa alcanzaron algunha vivenda. Para a súa extinción mobilizáronse 5 axentes, 9 brigadas, 7 motobombas, 1 helicóptero e 3 avións. En Baiona tamén foi decretada a Situación 2, como medida preventiva, pola proximidade do lume ao núcleo de Baíña e na zona do barrio da Anunciada e San Antón. No lugar traballan 1 axente, 2 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.

Cortes de tráfico

O fume e cinzas complican ademais a condución polas estradas. Segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico, a Autovía Rías Baixas (A-52) está pechada á altura do punto quilométrico 286, en Ponteareas, en ambos os dous sentidos. O túnel do Folgoso, na Cañiza, tamén está pechado e ducias de vehículos quedaron no seu interior.

Tamén permanece pechada a Autopista do Val Miñor (AG-57), á altura de Gondomar, igualmente en ambos os dous sentidos. A circunvalación de Vigo, a VG-20, está cortada ao saltar o lume na parroquia de Valadares.

Anuncios