Preto de 200 mozos e mozas participaron na III Xuntanza Discapaci-Quad

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // III Xuntanza Discapaci-Quad Val Miñor.

Preto de 200 mozos e mozas con diferentes discapacidades físicas e psíquicas de 10 entidades do sur da provincia de Pontevedra participaron este sábado na III Xuntanza Discapaci-Quad Val Miñor, unha iniciativa da Asociación de Veciños Castro e Ladeira e o Moto Club ATV Distrito XVIII de Baiona, contando coa colaboración das Comunidades de Montes de Santa Cristina da Ramallosa e Baíña, o Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra.

Trátase dun evento co único obxectivo de achegar o mundo do quad ás persoas discapacitadas. Ao longo da mañá, os rapaces e rapazas de Cogami, Centro Juan María, San Rafael, San Xerome, San Francisco, Apamp, Alento, Aspanaex, Amencer e Vontade, gozaron dunha ruta en quad duns 3 quilómetros pola contorna de Chan da Lagoa. Xa pola tarde, despois da comida, participaron en multitude de xogos. Ao longo da xornada tampouco faltou a música da man da Charanga Nova Cubana e o humor con Fredi Crujer.

Tras o éxito da primeira edición celebrada na Ladeira, onde non se puido celebrar nesta ocasión ao non poder contar co permiso de Medio Ambiente por utilizar vehículos de motor, e a segunda o pasado ano, xa en Chan da Lagoa, os organizadores queren que a Xuntanza convértase nunha cita anual obrigada.

Participaron un total de 32 quads e os seus respectivos pilotos provenientes de toda Galicia e de diferentes lugares da xeografía española.

A organización deste importante evento deportivo e de lecer para que o gocen mozos e mozas con diferentes discapacidades, físicas ou psíquicas, comezou en Santander, organizado polos Trasgos de Talavera. Ao evento acudían compoñentes do Moto Club baionés, que decidiron importar a idea e celebralo no Val Miñor.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

Anuncios