O IEM e o Concello de Nigrán recordan aos nove asasinados pola represión franquista

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Homenaxe no xardín da memoria en Panxón.

Neste mes de outubro se cumpren 81 anos do asasinato dos veciños de Sabarís Ventura Pérez, Dolores Samuelle Álvarez e os irmáns Luís e José López Luís, «Os Ineses”, en mans da represión franquista na mañá do 13 de outubro de 1936. Cúmprese tamén un novo cabodano da execución de nove mariñeiros do Val Miñor acaecida días despois, na madrugada do 16 de outubro, no lugar de Baiona que agora os lembra, A Volta dos Nove.

En honor á memoria destes veciños e veciñas da nosa bisbarra, o Instituto de Estudos Miñoráns, xunto co Concello de Nigrán dentro da súa programación de outubro de recuperación da memoria histórica, convocaron unha serie de homenaxes que tiveron lugar este sábado. O programa comezou ás 10:45 da mañá cunha visita á tumba dos “Ineses” no cemiterio de Sabarís, que comparten con Dolores Samuelle. A continuación realizouse unha ofrenda floral no monumento á memoria dos Nove na curva da Bombardeira en Baiona, obra do artista Fernando Casás, e outra no xardín da memoria situado diante do Pavillón de Panxón, inaugurado o ano pasado.

O asasinato dos Nove

O asasinato dos nove traballadores foi un acto de vinganza das forzas represivas trala morte do falanxista Luis Refojo, ocorrida en Sabarís, a tarde anterior das execucións. Refojo formaba parte dunha partida que ingresou a tiros nunha vivenda ocupada por un home cego (Ventura Pérez), unha muller de 71 anos (Dolores Samuelle Álvarez, «Perfecta», que traballaba como doméstica) e os irmáns Luís e José López Luís, «Os Ineses”, fuxidos dos represores, un deles co cargo de ter sido tenente de alcalde de Baiona durante a República. Unha vez asasinados os ocupantes da casa, os falanxistas decidiron marchar cara as cadeas de Vigo en busca de presos políticos sobre os cales descargar a súa ira pola morte do camarada.

Primeiro chegaron á cadea de Vigo, alí non lle deixaron coller a ninguén, logo foron ao frontón da rúa María Berdiales que servía tamén de cadea. Meteron nove homes nunha camioneta e dirixíronse cara a Baiona. As testemuñas discrepan na hora na que os levaron a Baiona. En todo caso na madrugada do 16 de outubro, sobre a unha da madrugada nove veciños do Val Miñor foron asasinados á altura do quilómetro 58 de estrada Pontevedra-Camposancos

Os Nove

• Manuel Aballe Domínguez, mariñeiro de Panxón, de 41 anos. Fillo de Modesto Aballe Macaya e de Benita Dominguez Salgueiro. Casado con Antonia Rial Veiro, deixou dous fillos menores: Eugenio e Víctor.

• Felicísimo Antonio Pérez Pérez, mariñeiro de Panxón, 44 anos. Fillo de Antonio Pérez Dominguez e de Rosa Pérez. Casado, sen fillos.

• Elías Alejandro Gonda Alonso «O Ghonda», labrador, de 36 anos, veciño de Santa Cristina da Ramallosa. Fillo de Ascensión Gonda Alonso. Casado cunha moza de Sabarís, Angelina Veiga Ríos, deixou tres fillos menores: Isabel, Carmen e Manuel.

• Manuel Francisco Lijó Pérez «O Lijó»de 34 anos, natural de Corrubedo (Ribeira) aínda que vivía e traballaba como mariñeiro no barrio do Burgo (Baíña). Fillo de Francisco Lijó Oliveira e de Ramona Pérez Gonda, estaba casado con Eugenia Mijón Durán, veciña de Baiona. Deixaría orfos a cinco fillos menores de idade: Mercedes, Manuela, Maximino, Oto e máis Eva.

• Modesto Fernández Rodríguez «O Rei Chiquito», 47 anos, mariñeiro, veciño de Panxón, fillo de José Fernández e Dolores Rodríguez. Traballaba como mariñeiro. Do seu matrimonio con Rosalia Rodríguez Iglesias deixaría seis fillos menores: Gloria, Lidia, Juan, Enriqueta, Jaime e Álvaro.

• Fidel Leyenda Rodríguez «Tío Félix», de 51 anos, mariñeiro de Baiona. Fillo de Eulogio Leyenda Álvarez e de Vicenta Rodríguez Miguez. Casado con Sofía Vieites Penedo, de Baíña, non deixaba fillos.

• José Rodríguez González, «O Pelonio». Fillo de Rufina Rodríguez González. Veciño da Porta da Vila en Baiona. Tiña 45 anos Este mariñeiro deixaría viúva a Clementina Freire Mosquera, de 43 anos, e orfos a Rogelio, Manuel, José, Melitón e África.

• Manuel Barbosa Durán, «O Ferreiro do Burgo». O máis novo dos asasinados, tan só contaba con 30 anos de idade. Mecánico, natural de Bruña, foi vivir a Panxón tras o seu matrimonio con Julia Sanjuan García. Deixaría catro fillos orfos Oulia, Mª Carmen, Mª Encarnación e Manuel. Os seus pais Alfredo Barbosa e Isabel Durán Álvarez .

• Generoso Valverde Iglesias, fillo de Fermín e Constantina. Tamén traballaba como mariñeiro e contaba, cando segaron a súa vida, 37 anos de idade. Natural e veciño de Panxón, casado con Aurelia Rodríguez Cabral, deixou seis fillos, todos eles menores: Generoso, José, Germán, Vicente, Elodia e Constante.

Mes da Memoria en Nigrán

A programación do mes de outubro relativa á recuperación da memoria histórica continúa este martes a través do Instituto de Estudios Miñoranos, que presentará ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o libro “Os nomes do terror. Galiza 1936”, coa presenza de varios dos seus autores. Esta obra constitúe o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores en Galicia que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo terror. O seguinte martes, o 24 de outubro, será a quenda da presentación do documental “Matriarcas” e o martes 31 de outubro a violonchelista Margarida Mariño ofrecerá un concerto no que se intercalará unha lectura narrativa sobre os acontecementos no Val Miñor os meses posteriores ao inicio da Guerra Civil. Así mesmo, o Concello de Nigrán organiza un ano máis o Día da Recuperación da Memoria Lingüística de Galicia vinculándoa tamén á memoria histórica. Este ano terá lugar o sábado 28 de outubro ás 12:00 horas no Cemiterio de Parada.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios