Sin categoría

O BNG pide á Mancomunidade do Val Miñor que aborde a situación do GES

Ante a situación de precariedade na que está instalado o Servizo de Emerxencias da Mancomunidade do Val Miñor, que acabou provocando as mobilizacións que están a desenvolver os seus membros durante todo este mes e que os levará este vindeiro luns a manifestarse outra vez na feira de Sabarís, o BNG rexistrará mocións en Nigrán, Gondomar e Baiona, co obxectivo de tentar que os concellos reclamen ao organismo supramunicipal a convocatoria da Comisión creada ao efecto no seu seo, coa fin de acometer seriamente a definición e reorganización completa do servizo, afondando no seu carácter de Servizo Público Esencial.

“Con esta iniciativa pretendemos dar forma aos compromisos adquiridos por todos os membros da Xunta da Mancomunidade nas sucesivas comisións de seguimento do GES, explicitándoos a través dun debate que dea lugar a posicionamentos claros e públicos, evitando ambigüidades”, afirma Xavier Rodríguez, Membro do BNG no ente supramunicipal.

“Unha petición, a da convocatoria da Comisión, xa realizada por nós dun xeito informal ao remate da reunión da comisión da piscina de A Ramallosa, e que foi recibida con innumerables pegas por parte de representantes de PP e PSOE”. Engade o concelleiro nacionalista.

Desde o BNG sinalan que esta estruturación dun servizo fundamental como o de emerxencias, debe ser distinta, e en todo caso complementaria, da simple negociación sindical cos traballadores, para abranguer a ordenación das emerxencias nunha comarca, a do Val Miñor, que con case 44.000 habitantes censados e unha poboación na época estival superior aos 100.000, precisa dun servizo público de emerxencias con base no val, ben dotado e con capacidade de resposta.

“Para iso temos que esixir de Xunta e Deputación que asuman a súa responsabilidade no financiamento suficiente dunha competencia que ten atribuída, pero non por iso no BNG estamos dispostos a que, mesmo ante a insatisfactoria achega que por parte doutras administracións se puidese dar, renunciar a un servizo digno e, pese as carencias, moi ben valorado polos veciños”, subliña Rodríguez.

“Dende logo será un obxectivo básico da nosa organización o establecemento dunha estrutura estable que remate, entre outras cousas, coas temerarias quendas dun só bombeiro”, conclúe.