Baiona acolle a clausura de Espazos Sonoros coa Austrian Baroque Company

O festival Espazos Sonoros pecha esta fin de semana a programación de 2017 coa formación Austrian Baroque Company, que actuará o domingo 15 de outubro na igrexa de Santa María de Baiona. O concerto de clausura, de acceso gratuíto e libre ata completar a capacidade, dará comezo ás 20:00 horas e ofrecerá un repertorio de música instrumental barroca de autores vencellados á corte dos Habsburgo.

O virtuoso frautista Michael Oman e os intérpretes Florian Hasenburger (violín barroco), Wolfgang Heiler (fagot barroco), Daniel Oman (guitarra barroca) e Martina Schobersberger (clave) conforman este grupo de cámara austríaco de renome internacional –especializado na interpretación de música instrumental e vocal europea dos séculos XVI a XVIII–, que realizará en Baiona un percorrido desde a Viena imperial do Kaiser Leopold I, ata Innsbruck, planeando sobre os cumes dos Alpes e botando unha ollada cara ao sur no outono dun Barroco que se comeza a sentir coa morte, en Viena, de Antonio Vivaldi.