Anuncios
Ticker de novas

Preto de 1.000 persoas participarán esta fin de semana en 13 excursións de “En Ruta coa Depo”

O programa da Deputación de Pontevedra “En Ruta coa Depo” organiza esta próxima fin de semana 13 novas saídas que contarán coa participación de 927 persoas de 14 asociacións. Estas excursións, que terán lugar o sábado e domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Para comezar, este sábado 14 de outubro haberá 7 excursións nas que participarán un total de 459 persoas da provincia. Máis polo miúdo, 95 persoas do Circulo Cultural Abrente, de Mos, farán unha ruta temática polos pazo de Lourizán, pazo de Gandarón e pazo de Oca. Pola súa banda, 54 usuarios e usuarias da Unión de Pensionistas y Jubilados Provincial de Pontevedra, de Vigo, farán unha ruta cultural por Cambados, Cidade Europea do Viño. Tamén, 51 persoas da Asociación de Veciños O Arbol, de Tomiño, visitarán o conxunto histórico de Cuntis, e 51 persoas da Asociación de Amigos de Los Pazos, de Vigo, farán unha ruta cultural por Agolada e Vila de Cruces. Amais, 54 usuarios e usuarias da Asociación Cultural Parroquial As Angustias, de Nigrán, terán a oportunidade de facer unha ruta cultural por Meis, e 53 persoas da Asociación de Mulleres Xestas de Bembibre, de Vigo, poderán coñecer o Santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza; o serradoiro dos Carranos, e o reitoral de Barciademera, en Covelo. Por último, ese mesmo sábado, 50 persoas da Asociación de Mulleres Rurais A Picara, da Lama, e 51 da Asociación de Mulleres Dorna, de Vigo, visitarán o conxunto histórico de Baiona, a Casa da Navegación, o paseo de Monte Boi e o paseo marítimo.

O domingo 15 de outubro, 107 usuarios e usuarias da Asociación de Veciños de Chapela farán a ruta temática que permite coñecer o pazo de Lourizán, o pazo de Gandarón e o pazo de Oca. Tamén beneficiaranse do programa “En Ruta coa Depo” 53 persoas da Asociación de Veciños San Martiño de Borreiros, de Gondomar, que farán unha ruta cultural por Cambados, e 108 da Asociación de Veciños Outeiro do Castro, de Pontevedra, que percorrerán os arredores de Salvaterra do Miño visitando os puntos máis salientables culturalmente. Amais destas actividades, 54 persoas da Asociación de Veciños Carballeira-Picoña, de Salceda de Caselas, farán unha ruta cultural por Silleda, e 92 persoas da Asociación San Salvador, de Ponteareas, que visitarán a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo . Para terminar, 33 persoas da Asociación de Nais e Pais A Oliveira, do Porriño, entre eles 21 nenos e nenas, percorrerán Pontevedra e Marín.

O programa “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, o programa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

Anuncios