Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas repite como terceiro mellor equipo Elite de España

Por segunda tempada consecutiva o Club Ciclista Rías Baixas obtivo o terceiro posto no Ránking Elite da Real Federación Española de Ciclismo. Deste xeito, a entidade presidida por José Luis Chamorro igualou a súa mellor clasificación histórica nos cinco anos que leva competindo no campo amateur. A achega do surafricano Willem Smit na segunda metade do curso resultou decisiva para rubricar este exitoso resultado.

O conxunto miñorano acumulou 2.277 puntos nos oito meses que competiu ao longo e ancho de España. Co primeiro posto do rakinng fíxose o Caja Rural, 2.994 puntos, e a segunda praza correspondeulle á Fundación Euskadi, con 2.330. Estes dous primeiros clasificados están estreitamente relacionados co pelotón profesional. O Caja Rural é o filial da estrutura Continental Profesional e a Fundación Euskadi dará o próximo ano o salto á categoría Continental.

Por detrás do Club Ciclista Rías Baixas situáronse formacións cun gran potencial e longa traxectoria no campo amateur. O Kuota – Construcciones Paulino terminou cuarto, Gsport-Valencia quinto, Supermercados Froiz sexto, Lizarte sétimo, Deputación de León oitavo, Cortizo – Anova noveno e Escribano décimo.

O corredor que máis puntos outorgoulle ao Club Ciclista Rías Baixas foi Willem Smit. O surafricano logrou a quinta praza no ránking individual con 957 puntos. Gañador da Volta a Segovia, Volta a León e terceiro na Volta a Galicia, o seu rendemento na escuadra do Val Miñor abriulle as portas dun dos equipos máis poderosos do planeta, o Katusha-Alpecin.

Outros cinco ciclistas han contribuído cos seus puntos, entre eles o triatleta Fernando Alarza. O talaverano, unha estrela mundial dentro do seu deporte, disputou algunhas carreiras con esta estrutura para preparar os seus grandes obxectivos no calendario de tríatlon.

De fronte ao próximo ano, a directiva presidida por José Luis Chamorro xa traballa no seu novo proxecto. Tras o anuncio de que Iván Rodríguez exercerá de director deportivo, nos últimos días intensificáronse os contactos para confeccionar o persoal. Ao mesmo tempo, o club continúa traballando xunto ao Bufete Gándara Moure no seu plan para competir no pelotón profesional no 2019.

Anuncios