Espazos Sonoros chega a Baiona co recital de Austrian Baroque Company

A ex Colexiata de Santa María de Baiona será, o vindeiro domingo 15 ás 20:00 horas, o escenario de luxo de Espazos Sonoros, que celebra a súa décima edición cunha programación singular que nos convida a descubrir, co fío da música, valiosos lugares do patrimonio galego. Austrian Baroque Company ofrecerá un recital íntimo de música instrumental e vogal con obras, entre outros, de Bertali, Mealli, Schmelzer, Biber e Froberger.

Austrian Baroque Company é unha formación de cámara austríaca de renome internacional especializada na interpretación de música instrumental e vogal europea dos séculos XVI a XVIII. Conformado por nomeados especialistas formados nas máis prestixiosas universidades de Europa, os seus programas tentan subtraer a música da súa retórica tradicional para transmitirlle ao público toda a súa emoción. Nestas tarefas destaca a carismática presenza do seu director, o virtuoso flautista Michael Oman. Desde a súa formación, en 2001, o grupo protagonizou concertos nas máis importantes salas e festivais internacionais de Europa, América e Asia, cun estilo persoal e inconfundible caracterizado por unha extrema viveza e emocionalidade que non deixa indiferentes aos oíntes e que os levou, ao longo das dúas últimas décadas, a converterse nun dos referentes do panorama musical austríaco e a conquistar a escena musical internacional.

Con eles, Espazos Sonoros emprende unha viaxe desde a Viena imperial do Kaiser Leopold I, ata Innsbruck, planeando sobre os cumes dos Alpes e botando unha ollada cara ao sur no outono dun Barroco que se comeza a sentir coa morte, en Viena, dun empobrecido e esquecido Antonio Vivaldi. Pequenas alfaias e saborosas exquisiteces musicais intemporais dunha incipiente Unión Europa, ao redor do 1700, que Austrian Baroque Company rememora con toda a emoción e virtuosismo dos seus intérpretes.